Exposición no Colexio Fonseca, en Santiago, sobre o coleccionismo cultural.
Os distintos enfoques e motivacións que teñen as persoas que coleccionan “cando deciden habitar mundos determinados e dotalos dun contido propio”. Esta é unha iniciativa organizada polo proxecto europeo campUSCulturae.
A mostra inclúe as coleccións ‘Ortega-Gutiérrez Baños’ de libros despregables; ‘O Principiño’, mundos e modos; Tintín, a evolución da personaxe a través do texto e do contexto de Hergé; e a dedicada ás marabillas do mundo de Alicia. Esta iniciativa parte da idea de que os obxectos culturais son significativos e importantes, no ámbito particular, principalmente polas historias que os constrúen e polas asociacións que se establecen entre o coleccionista e o obxecto. Neste senso, ‘Enclave diversa’ presenta catro propostas nas que os libros e a literatura supoñen os puntais da mostra.
A Colección ‘Ortega-Gutiérrez Baños’ de libros despregables é un percorrido pola historia, a técnica e a fabricación dende os primeiros libros coñecidos ata os actuais pop-up. É un dos conxuntos no seu xénero máis completos e importantes do mundo, sendo esta a primeira vez que se expón en Galicia.
Co lema ‘ O Principiño, mundos e modos’, preséntase unha sección realizada a partir da colección organizada ao longo da súa vida polo escritos Carlos Casares e que custodia actualmente a Fundación que leva o seu nome. Xunto a esta, inclúese tamén ‘Tintín, a evolución do personaxe a través do texto e do contexto de Hergé’, proposta creada a partir da colección particular elaborada por Pedro Rey. Pecha o conxunto, ‘As marabillas do mundo de Alicia’, unha aproximación ao personaxe e a obra de Lewis Carroll que xurde da colección composta por Fátima García Doval.
A exposición poderá visitarse ata o 30 de novembro.
Fonte: USC