Renóvase a exposición sobre actualidade científica da Casa das Ciencias, na Coruña.
“Palabras da Ciencia” presenta novos contidos ao redor de seis ámbitos temáticos: “O clima cambia”, “En busca da enerxía”, “A tecnoloxía cambia a nosa sociedade”, “A saúde é o que importa”, “O inesgotable empuxe da ciencia” e “Os desafíos da natureza”.
“Palabras da Ciencia” é unha exposición que se presentou na Casa das Ciencias por primeira vez no ano 2004. Os seus contidos xiraban ao redor dos 10 conceptos científicos máis repetidos nos titulares de prensa escrita, a través de módulos interactivos e elementos museográficos. Periodicamente desde entón revisouse e actualizou a lista das 10 palabras da exposición, pero agora avánzase un pouco máis no seu enfoque, tratando principalmente dúas cuestións: incorporar elementos que axuden a interpretar a ciencia mediática e achegarse máis aos intereses da cidadanía na ciencia.
Cada un dos novos ámbitos inclúe un conxunto de elementos que permiten achegarse de diferentes xeitos á información:
– Un elemento interactivo, permite experimentar con cuestións relacionadas co ámbito.
– Fotografías de impacto.
– Un obxecto singular, instrumento científico ou peza natural de interese histórico.
– Unha infografía, que axuda a presentar feitos, relacionar conceptos, valorar factores.
– Unha actividade de comunicación científica, que invita a unha lectura crítica das informacións científicas que saen nos medios.
– Unha viñeta, humor gráfico que aporta un punto de vista distinto e ás veces imprescindible para comprender todas as caras da noticia.
Información: Casa das Ciencias