Máis de 9.000 alumnos de 150 centros escolares participarán nas videoconferencias que organiza a CGENDL

dia-ciencia-en-galegoCon motivo do IV Día da Ciencia en Galego, este martes 12 de novembro.

Marilar Aleixandre, Catedrática de Didáctica das Ciencias na Universidade de Santiago de Compostela, e Jorge Mira Pérez, Catedrático da Área de Electromagnetismo do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, falarán para o alumnado de Primaria e Secundaria respectivamente, que terá a posibilidade de interaccionar cos relatores a través dun chat.
A CGENDL organiza un ano máis estas videoconferencias que se encadran nos actos do IV Día da Ciencia en Galego, instaurado hai catro anos para reinvindicar o uso da lingua galega no ensino non universitario trala súa eliminación destas áreas no Decreto do Plurilingüismo.

Participarán uns 150 os centros escolares, e máis de 9000 alumnos e alumnas, este martes 12 de novembro. No marco da celebración do IV Día da Ciencia en Galego que se celebrou o pasado 4 de novembro, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística convocou aos centros de ensino non universitario a participar en dúas videoconferencias que contan coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística e a Área Multimedia e TIC da Universidade de Santiago de Compostela.

Na primeira das videoconferencias, que comezará ás 10:30, Marilar Aleixandre, Doutora en Bioloxía. Catedrática de Ciencias Naturais de Ensino Medio. Catedrática de Didáctica das Ciencias na USC, ofrecerá una charla para o alumnado do 3º ciclo do ensino primario baixo o título “Benqueridos insectos”. Dúas horas máis tarde, ás 12:30 e tamén cunha duración dunha hora, dará comezo a videoconferencia dirixida ao alumnado de ensino secundario co título “Como medir tamaños e distancias da Terra, a Lúa e o Sol”, cuxo relator será o profesor Jorge Mira Pérez, Doutor en Física e Catedrático da Área de Electromagnetismo do Departamento de Física Aplicada da USC. 

Como nas anteriores edicións, este evento está a ter unha moi boa acollida nos centros escolares e a inscrición supera no seu conxunto os 9000 alumnos e alumnas de máis de 150 colexios e institutos de todo o país. Rapaces e rapazas de toda Galicia poderán seguir en vivo as intervencións dos conferenciantes, aos que tamén lles poderán dirixir preguntas a través dun chat na propia sala virtual da videoconferencia.

Estas videoconferencias, xunto con numerosas actividades presenciais que se desenvolven estes días nos centros educativos e na propia universidade compostelá, pretenden que o alumnado aprenda ciencia sen ningún tipo de prexuízos, nin sobre a ciencia, nin sobre as posibilidades de aprendizaxe da ciencia en calquera idioma. A CGENDL quere expresar deste xeito que as linguas, neste caso o galego, se aprenden usándoas en todos os contextos, tamén nos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía, a pesar de que a Consellería de Educación a excluíse como lingua vehicular de diferentes materias destes ámbitos coa aplicación do Decreto para o Plurilingüismo

Fonte: CGENDL

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*