A pronunciación e función desta expresión que denota falta de comprensión é similar en todos os idiomas.
Un equipo de investigadores do Centro Max Plank de Psicolingüística de Nijmegen (Holanda) analizou o uso dunha interxección que denota falta de entendemento en dez idiomas de todo o mundo. A pronunciación é moi similar en todos eles. “Eh?”, en galego ou español. “Huh?”, en inglés. “Hein?”, en francés. Aínda que nalgúns idiomas escríbese diferente, a pronunciación e función desta expresión que denota falta de comprensión é similar en todos os idiomas. Así o demostra un estudo lingüístico do seu uso en diferentes linguas de todo o mundo.
Os resultados do traballo, publicado esta semana na revista PLOS ONE, revelan que esta sinxela interxección, que en principio parecería non ter un significado concreto, resulta ser un elemento indispensable na comunicación interpersonal.
Os investigadores do Centro Max Plank de Psicolingüística de Nijmegen analizaron 196 usos de “eh?” en extractos de conversacións informais en dez idiomas de todo o mundo: siwu – unha lingua minoritaria de Ghana, italiano, chinés mandarín, español, cha’palaa – un idioma de Ecuador, islandés, lao – que se fala en Laos, Tailandia e Camboxa, neerlandés e murriny patha “unha lingua aborixe australiana”. Durante a primeira parte do ensaio tres analistas lingüísticos estudaron as expresións que aparecían en cada un dos 196 audios, que foran ordenados aleatoriamente, sen coñecer o idioma no que falaban os interlocutores.
Despois, realizouse un estudo fonético coa fin de verificar a calidade dos resultados que obtiveran na proba anterior. Para iso, centráronse en dúas das linguas, español e chapalaa, e compararon o ton da primeira e segunda vocal de cada término. Ademais, para cerciorárense de que as analoxías que atoparon non se debían á selección dos idiomas, tamén utilizaron exemplos da interxección noutros 21.
O elevado grao de similitude que acharon revela que o uso de expresións tan sinxelas como “eh?”, que avisan á outra persoa de que non se captou unha mensaxe, facilitan a resolución dos malentendidos que xorden constantemente nas conversas, calquera que sexa a linguaxe empregada.
Segundo o estudo, a bioloxía da evolución explicaría esta coincidencia: cando diferentes especies conviven nas mesmas condicións poden evolucionar con patróns iguais. Este fenómeno coñécese como evolución converxente.
Referencia bibliográfica:
Dingemanse Mark, Francisco Torreira e N.J. Enfield. 2013. “Is ‘Huh?’ a universal word? Conversational infrastructure and the convergent evolution of linguistic ítems”. PLOS ONE, 8 de novembro de 2013.
Fonte: SINC