Actividades e proxectos baixo o lema “a ciencia é divertida”. Os días 20, 21 e 22 de novembro, na Tecnópole. En Ourense.
Durante os días 20, 21 e 22 de novembro a Tecnópole, acollerá no seu recinto de Ourense unha carpa na que 50 equipos de estudantes das catro provincias galegas, a excepción de cinco grupos que proceden de Cataluña, mostrarán ao público os seus proxectos científicos e de innovación. A previsión de visitas de grupos escolares de toda Galicia supera as 2000, ás que se sumarán as persoas que acudan pola súa conta, xa que a feira é de entrada libre para particulares e familias.
A mostra contará coa participación de escolares e profesores de centros de Secundaria e de FP, aos que se sumarán varios equipos de alumnos das Aulas Tecnópole, a iniciativa de capacitación en habilidades científicas e innovadoras promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia, e un equipo que preparou o seu proxecto durante o campamento tecnolóxico de verán (T2W) organizado por Tecnópole o pasado mes de xullo.
Ademais, a Fundación Barrié participará cun stand propio no espazo da feira e ofrecerá unha charla para que os docentes coñezan a programación para este curso da canle educaBarrié, unha innovadora plataforma web na que se poñen contidos didácticos e materiais a disposición da comunidade educativa.
“Galiciencia” chega á súa oitava edición cunha ampla oferta de actividades paralelas á exposición de proxectos que inclúe a conmemoración do Ano Internacional da Cooperación na Esfera da Auga a través dunha exposición promovida polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e de varios talleres orientados a diferentes idades.