Os incendios forestais erosionan a parte máis fértil do solo

Queimas controladas na Estrada / Imaxe: CSIC Galicia
Queimas controladas na Estrada / Imaxe: CSIC Galicia
Estudo do CSIC en Galicia. Así se pode restaurar un chan afectado.

Científicos do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia cuantificaron e analizaron os sedimentos erosionados en solos afectados por incendios forestais e compararon as perdas de solo e nutrintes en zonas sen tratamentos de restauración post-incendio e con dúas técnicas: cuberta de palla e sementa con herbáceas. Polo menos en zonas con elevado risco de erosión por precipitacións recomendan aplicar de inmediato a cuberta con palla, que reduce as perdas nun 90%.

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) cuantificou e analizou nun completo estudo realizado en Galicia durante os cinco últimos anos os sedimentos erosionados en solos afectados por incendios forestais de baixa intensidade, o que permitiu observar que, aínda que a cantidade de elementos erosionados non é moi alta, o empobrecemento do solo é notable, posto que se perde a parte máis fértil.

A análise realizouna o Grupo de Bioquímica e Calidade de Solos do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG-CSIC) coa colaboración do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán (Xunta) e enmárcase nas investigacións que realiza o CSIC en Galicia desde hai máis 25 anos para, a través do coñecemento científico, minimizar o impacto dos incendios forestais sobre o chan. Foi, así mesmo, unha das accións do proxecto “Protección de solos forestais queimados mediante técnicas de rehabilitación”, financiado pola Xunta de Galicia e o Ministerio.

“Os incendios forestais, ademais de destruír os bosques, provocan importantes alteracións no solo ao acelerar os procesos de degradación. Está comprobado que afectan ás propiedades físicas, químicas e biolóxicas do chan, e tense avaliado o seu impacto nos macronutrintes (nitróxeno, calcio ou magnesio), pero apenas nos micronutrintes (manganeso, cobre e zinc). Esta cuestión é clave, porque estamos ante sustancias xeralmente presentes en pequenas cantidades pero esenciais para o desenvolvemento das plantas e, xa que logo, para a recuperación dos chans e a vexetación tras un incendio forestal”, explica Serafín González Prieto, investigador científico do CSIC.

A investigación: accións e resultados alcanzados

Os científicos realizaron en 2008 queimas experimentais de intensidade baixa en 12 parcelas situadas no Monte Cabalar (A Estrada), das que extraeron mostras de chan e recolleron os sedimentos erosionados para estudalo.

Por unha banda, cuantificaron e analizaron nos laboratorios do IIAG (Santiago de Compostela) con diversos métodos científicos os elementos do solo erosionados.

“Trátase dun importante aspecto raramente tratado ata a data e cuxos resultados son preocupantes. Aínda que a cantidade de sedimentos erosionados non é moi alta, si observamos que o que se está erosionando é a parte máis fértil do solo, é dicir, a máis rica en nutrientes. Xa que logo, podemos afirmar que os incendios forestais empobrecen notablemente a calidade dos so9los, o que constitúe un verdadeiro problema ao ser un recurso non renovable a escala temporal humana e fundamental para a fauna e a flora”, destaca Serafín González Prieto.

Por outra banda, e tamén nos laboratorios do IIAG, realizaron durante un ano un seguimento de 20 propiedades químicas do chan, entre as que se atopaban tanto macronutrintes como micronutrintes, cuxos valores determinan o seu índice de calidade.

En canto ao impacto nos macronutrintes, observaron que as perdas por erosión son relevantes para nitróxeno, calcio, fósforo e magnesio, mentres que entre os micronutrintes son importantes para molibdeno, manganeso e zinc.

“Os niveis de micronutrintes como zinc e cobre, que poden ser tóxicos en cantidades elevadas, son moi altos nos sedimentos tras un incendio forestal, o que pode contaminar as zonas onde se depositen (marxes fluviais, embalses ou rías). Os do manganeso, outro micronutrinte, mantéñense elevados no solo durante máis dun ano, o que pode suscitar problemas ao poder interferir coa absorción de ferro polas plantas”, advirte González.

Tamén quixeron comprobar se a aplicación da palla ou a sementa de herbáceas, dúas técnicas de recuperación que están empezando a empregarse en Galicia a pequena escala, contribúen á protección e recuperación do solo tralo incendio forestal.

“En todos os casos as perdas por erosión redúcense coa aplicación de calquera das dúas técnicas, pero, sobre todo, se o solo se cobre con palla. Segundo os nosos cálculos, con este método a redución aproxímase ao 90%. Non ten, ademais, o inconvinte da semente de herbáceas, que en ocasións introduce especies invasoras e resulta pouco efectiva se se producen intensas precipitacións tralo incendio. Xa que logo, a adición de palla sería, nestes momentos, a mellor opción, para reducir a erosión e as perdas de nutrintes no solo despois dun incendio e alcanzar unha xestión sustentable dos ecosistemas forestais afectados por queimas”, conclúen.

FONTE: CSIC Galicia

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*