O sábado 26 de xaneiro, o primeiro, “Augas mansas”, nas Lagoas da Terra Chá.
Os roteiros de Adega Lugo son percorridos polo territorio que procuran achegarlle á sociedade galega a nosa realidade ambiental, paisaxística e social e cultural. Durante o ano 2014 estarán dedicados á AUGA como fonte de vida, de traballo, patrimonio e paisaxe.
Outeiro de Rei acollerá o sábado 26 de xaneiro o primeiro do ano. O percorrido será de dificultade baixa e de 8 quilómetros.Iniciaremos esta andaina saíndo ao carón da “Lagoa de Cavadas”, Santiago de Vilela, en dirección á parroquia de Bonxe, onde haberá ocasión de observar e falar das “Veigas”, un ecosistema peculiar no que se xuntan diversas correntes de auga que máis adiante darán lugar ao regato chamado Santa Marta ou Río de Robra.
Seguiremos o camiño que levaban os “Cacharreiros” desta parroquia en dirección ás feiras de Meira e Castroverde até o asentamento castrexo coñecido como “Castelo do Picato” onde falaremos de mouros e de encantos. Dende o seu curuto ollaremos a inmensidade da Terra Chá, cantada polo poeta nacional Manuel María, marchando logo en dirección a San Clodio de Aguiar para gozar das súas fermosas paisaxes e detérmonos na Casa de Parga onde fica asentado o interesante proxecto “Vida de Aldea”.
26 DE XANEIRO: Augas mansas, nas Lagoas da Terra Chá
23 DE FEBREIRO: Augas que regan, no Val do Neira
23 DE MARZO: Augas que traballan, en Riotorto
27 DE ABRIL: Augas douradas, en Montefurado (Quiroga)
18 DE MAIO: Augas mestas, na Ribeira Sacra
22 DE XUÑO: Augas doces e salgadas, nas Negradas (O Vicedo)
Máis información e inscricións na web de Adega