Este xoves 30. Haberá obradoiros, exposicións e outras actividades creativas en bibliotecas de todo o país.
Obradoiros, mostras bibliográficas e espazos para a reflexión e a conversa centran a programación arredor do 30 de xaneiro, promovida pola Secretaría Xeral de Cultura e a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). As actividades nas bibliotecas complétanse no Museo de Belas Artes da Coruña cunha conversa con Miguelanxo Prado, autor do cartel deste Día da Ilustración 2014.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programou actividades nas bibliotecas nodais das catro provincias para este xoves. A data foi escollida por coincidir co aniversario do nacemento de Daniel Rodríguez Castelao.
Deste xeito, obradoiros, actividades para estimular a creatividade e a imaxinación, mostras bibliográficas e espazos para a reflexión e a conversa centrarán as propostas para conmemorar esta data. O programa foi presentado hai xa uns días pola Secretaría Xeral de Cultura e pola AGPI, que participa cunha mesa redonda titulada «A ilustración gráfica hoxe en Galicia». Nesa mesa intervirán os ilustradores Marina Seoane (presidenta da AGPI), Almudena Aparicio e Manuel Uhía, moderados por Henrique Torreiro, e terá lugar o propiodía 30, ás 18:30 h, na Biblioteca Pública Nodal de Pontevedra (rúa de Afonso XIII 3, 36002 Pontevedra).
Entre as actividades, hai programados obradoiros de ilustración cos nosos sociosXosé Tomás e Óscar Villán e mais o Colectivo Miñoco, e unha exposición tituladaVida e obra dos ilustradores en Vigo, que conta con presenza bibliográfica dalgúns socios nosos, como Anxo Fariña.
Programa completo (.pdf)