A revista que edita a CGENDL abre en febreiro co tema “Hai unha idade para comezar a ler?”.
“A resposta é doada e conflitiva: depende. Ler é un proceso moito máis complexo que aprender a identificar unhas palabras escritas e dicilas oralmente”, expón Mª Montserrat Castro Rodríguez, profesora da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, no artigo ‘A que idade teñen que empezar a ler os nenos/as?’ que inclúe o número de febreiro da revista Ollos de Aula, editada pola Coordinadora de Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística (CGENDL).
Alén das propostas lectoras e musicais, a publicación tamén inclúe desta volta as reflexións ‘Novos retos da pedagoxía: O teléfono móbil no contexto escolar e familiar’, artigo de José Raposeiras Correa, Catedrático de Ensino Secundario e Doutor pola Universidade de Vigo e o artigo ‘Que é iso das reválidas da LOMCE?’. Por último, Ollos de Aula faise eco da chamada de auxilio da revista Oink, que desde o pasado verán estaba nos quioscos galegos e inicia agora unha campaña de microfinanciamento para garantir a súa supervivencia.
Desde a web da coordinadora poden descargarse todos os números de Ollos de Aula