Curso ‘Ciclo de vida adolescente’

centros-queroteProposta de formación para profesores nos centros Quérote sobre temas relacionados coa adolescencia.

A iniciativa terá 50 horas de duración divididas en catro xornadas presenciais nos meses de febreiro e marzo, que sumarán 32 horas, e outras 18 de traballo a distancia. A formación divídese en catro bloques: temáticas xenéricas, educación sexual, conflitos de convivencia nas aulas e imaxe persoal. Entre os diferentes obxectivos do curso, atópase o de ofrecer información de modo xeral, complementario e eficaz ante situacións que implican maior risco ou descoñecemento por parte, tanto dos alumnos e as súas familias, como dos docentes.

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar, a través dos centros Quérote+, organizou o curso ‘Ciclo de vida adolescente’ de 50 horas de formación dirixido ao profesorado dos centros de ensino públicos e concertados de Galicia, que se levará a cabo desde hoxe no Centro coordinador de información xuvenil de Santiago. A iniciativa, na que participan 25 docentes, terá unha duración de 50 horas: 32 presenciais e 18 de traballo a distancia. Nas sesións de 8 horas, durante os sábados 8 e 22 de febreiro e 8 e 29 de marzo, os profesionais do Quérote + impartirán catro sesións de formación ao profesorado e titorizarán os traballos a distancia.

A formación divídese en catro bloques. No primeiro abordaranse de maneira xenérica as temáticas nas que actúan os equipos do Quérote +. No segundo, a educación sexual e as claves para o asesoramento aos mozos e mozas en materia de sexualidade serán os temas de traballo. O terceiro dos bloques formativos estará dedicado aos conflitos que pode xerar a convivencia nas aulas, tanto de maneira persoal como a través das redes sociais e doutros recursos das tecnoloxías da información e da comunicación. Por último, no bloque catro abordaranse as problemáticas que poden causar unha imaxe corporal inadecuada, o autoestima nos adolescentes e os hábitos saudables fronte as condutas nocivas.

Con esta iniciativa de formación específica, preténdese que o profesorado adquira ferramentas básicas na intervención diaria nas aulas nas materias nas que actúan os equipos do Quérote +, así como estreitar as vías de colaboración para a derivación de casos en materia de asesoramento á mocidade entre centros de ensino e os centros Quérote +. Entre os diferentes obxectivos do curso, tamén se atopa o de ofrecer información de modo xeral, complementario e eficaz ante situacións que implican maior risco ou descoñecemento por parte, tanto dos alumnos e as súas familias, como dos docentes, así como estimular unha autoestima positiva co obxectivo de reducir a influencia da presión grupal.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*