Sumemos capacidades: polo dereito a unha educación inclusiva

baner-cme-2A Campaña Mundial pola Educación reivindica en 2014 o dereito de nenos e nenas con necesidades educativas especiais a recibir unha educación de calidade.

A Campaña Mundial pola Educación, baixo o lema “Sumemos capacidades. Polo dereito a unha educación inclusiva”, reivindica en todo o mundo o dereito de nenos e nenas con necesidades educativas especiais a recibir unha educación de calidade, sen discriminación e sobre a base da igualdade de oportunidades, tal e como queda reflectido na Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade. Ademais, pon de manifesto o valor que a educación inclusiva aporta a toda a sociedade no seu conxunto, xa que reduce os niveis de pobreza e favorece o desenvolvemento.

No mundo, 93 millóns de nenos e nenas teñen algún tipo de discapacidade, o que supón menos posibilidades de finalizar os seus estudos e unha das maiores causas de marxinación e exclusión na educación. Por exemplo, en Burkina Faso, ter unha discapacidade aumenta en dúas veces e media o risco de que nenos e nenas non vaian ao colexio e en Nepal, o 85% dos nenos e nenas non escolarizados teñen algún tipo de discapacidade. En demasiadas ocasións, a poboación infantil con necesidades educativas especiais é a gran esquecida á hora de reclamar o dereito á educación. Forman o colectivo máis marxinado e excluído da educación. Esta desigualdade acentúase en países de renda media e baixa. Recoñécese ademais, que as mulleres e nenas con discapacidade experimentan múltiples desvantaxes, sendo obxecto dunha dobre exclusión.

Prioridades e reivindicacións
Os sistemas inclusivos de calidade, baseados nun enfoque de dereitos, non poden seguir sendo un asunto marxinal nas políticas educativas, senón que deben ser centrais para a consecución dunha educación de calidade para todas as persoas. Por iso, a Campaña Mundial pola Educación lanza as seguintes reivindicacións políticas a nivel internacional:

  • Crear marcos legais para eliminar barreiras lexislativas que impiden ás persoas con discapacidade acceder a sistemas educativos como ratificar a Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade.
  • Construír aulas e escolas accesibles para todos e todas e asegurar a existencia de suficientes docentes con formación apropiada.
  • A comunidade internacional debe levar a cabo o seu compromiso de investir polo menos un 0,7% do PIB en cooperación e realiñar a Axuda Oficial ao Desenvolvemento para comprometer polo menos un 8% dela a educación básica.
  • cme-portada

Peticións ao goberno español
As reivindicacións ao goberno español van na liña de recordar a importancia de apostar pola Axuda Oficial ao Desenvolvemento como instrumento chave na loita contra a pobreza, tal e como recolle a moción recentemente aprobada por unanimidade por todo os grupos da Comisión de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento do Senado. Ademais, neste sentido, debe:

  • Apostar pola cooperación e volver canto antes á senda de asignar o 0,7% da Renda Nacional bruta á Axuda oficial ao desenvolvemento destinando o 8% a educación básica.
  • Adaptar a lexislación española á Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade.

Semana de Acción Mundial pola Educación
A Campaña Mundial pola Educación terá o seu momento álxido durante a Semana de Acción Mundial pola Educación (SAME), que se celebrará en diferentes cidades españolas desde o 7 ao 13 de abril e onde máis de 60.000 mozos realizarán centos de accións simbólicas para defender a educación inclusiva, coincidindo con iniciativas do mesmo tipo realizadas por nenos e nenas en máis de 100 países do mundo.

Para iso, desde a Campaña proponse a acción “Avanza por unha educación para todos e todas”, na que invita aos centros educativos que decidan participar na SAME (máis de 500), a realizar un particular xogo no que o alumnado percorrerá un camiño dividido en distintas casiñas. En cada unha delas terán que reflexionar e experimentar as barreiras ás que se enfrontan as persoas con discapacidade para exercer o seu dereito á educación, especialmente aquelas persoas que viven en situación de maior vulnerabilidade por habitar en contornas e países empobrecidos.

A Coalición Española da Campaña Mundial pola Educación está formada por Axuda en Acción, Educación Sen Fronteiras e Entreculturas, quen asume a coordinación da mesma.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*