Kalandraka fíxase este ano en Maurice Sendak

maurice-sendakPublicará ata unha decena de títulos do prestixioso autor estadounidense.

A obra de Maurice Sendak estará moi presente este 2014 no catálogo dos Libros para Soñar de Kalandraka, que durante este ano publicará unha decena de títulos do autor e ilustrador estadounidense, aos que seguirán máis incorporacións durante 2015. Esta aposta por recuperar o legado de quen estivo considerado polos críticos como “un dos homes máis influíntes dos Estados Unidos porque darlle forma á fantasía de millóns de nenos é unha importante responsabilidade”, responde ao interese por levar novamente a librarías, bibliotecas e fogares un conxunto de títulos emblemáticos que permanecían descatalogados ou inéditos. Todas estas publicacións, que respectarán os formatos orixinais, editaranse nas cinco linguas peninsulares: galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués.

O primeiro da serie será “In the night kitchen” -Na cociña de noite, na versión de Xosé Manuel González-, un álbum de 1970 con influencias artísticas de Winsor McCay (Little Nemo in Slumberland) no que Sendak evoca pasaxes da súa nenez. Foi censurado por un sector conservador da sociedade norteamericana que consideraba escandalosas algunhas ilustracións, pero pronto se converteu nun libro de culto.

“Na cociña de noite” súmase ao xa publicado “Onde viven os monstros”, a súa obra mestra de 1963 que, malia a controversia das interpretacións críticas que suscitou nun principio, cativou -e seguirá cativando- a xeracións de nenos e nenas en todo o mundo. Sucesivas adaptacións para o teatro, os debuxos animados ou o cine amosan a súa enorme trascendencia e a súa plena vixencia.

Esta triloxía completarase coa tradución de “Outside over there”, de 1981, que Sendak consideraba como a súa obra máis persoal.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*