Prazo aberto deica o 4 de abril.
Tendo en conta, tanto por número como por calidade, o grupo de novos autores de historieta que teñen xurdido nos últimos anos en Galicia, e que compoñen un destacado colectivo que se considera o máis importante do panorama nacional, a Deputación da Coruña, sensible á significación que está a ter este sector da cultura galega, convoca o IX Premio de banda deseñada “Castelao”, de acordo coas seguintes:
BASES
Primeira.-
Poderán participar todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade, que non fosen premiadas nas cinco edicións anteriores, e que presenten narracións en banda deseñada escritas en lingua galega, inéditas e non premiadas en ningún outro premio o certame.
As obras presentadas poderán ser escritas e debuxadas, cada unha delas, por un máximo de dous autores (un como guionista e outro como debuxante).
Segunda.-
Establécese un premio único dotado con 6.500 €, estando esta cantidade suxeita ás retencións legais que lle fosen aplicables.
A Deputación publicará a obra premiada, reservándose durante un prazo de dezaoito meses os dereitos de editala, e entregará ao gañador trinta exemplares.
O autor ou autores manterán os dereitos para a posible edición da obra en calquera outra lingua distinta á galega.
Así mesmo, cos traballos orixinais será realizada unha exposición de carácter itinerante.
Terceira.-
A temática das obras será libre, podendo tratarse dunha historia única ou dun conxunto de historias.
O traballo será presentado por duplicado e en exemplares separados, numerados, grampados ou encadernados, da seguinte forma:
? O libro terá que estar rematado, tanto en guión como en debuxo.
? O formato deberá ser de mancha 26 x 19 cm, ou proporcional.
? O tamaño dos orixinais: mínimo DIN A4 e máximo DIN A3.
No caso de que a maiores o traballo se presente en soporte dixital, deberá figurar a tamaño final (26 x 29 cm) e en resolución de 300 ppp para color, 400 ppp para grises, ou 600 ppp para branco e negro, en soporte CD e formato TIFF.
? A extensión mínima será de 48 páxinas.
? Para a súa valoración enviaranse copias encadernadas en DIN A4 con calidade láser.
? Os orixinais seranlle requiridos ao gañador para o proceso de edición e de preparación da exposición.
Cada obra será presentada baixo o sistema de plica, polo que será enviada xunto con un sobre aparte, en cuxo exterior conste: IX Premio de banda deseñada “Castelao” , o título da obra ou o seu lema, así como o seudónimo da persoa que sexa a autora da obra; no seu interior será incluída unha copia do documento de identidade, enderezo, teléfono de contacto, correo electrónico, un breve currículum e unha declaración de que a obra é inédita e que non foi premiada, ata a data de presentación, en ningún outro certame ou premio.
No caso de autoría conxunta, deberá incluírse un documento explícito coa participación de cadaquén e a porcentaxe do premio pactada entre os autores, e que estará asinado por ambos os dous.
Cuarta.-
O prazo de presentación de orixinais comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e rematará o día 4 de abril de 2014.
Os orixinais enviaranse á Deputación da Coruña, Avda. Alférez Provisional 2, 15006 A Coruña, indicando no sobre “IX Premio de banda deseñada “Castelao”.
Quinta.-
O xurado estará presidido polo presidente da Deputación e formarán parte del a deputada presidenta da Comisión de Cultura, Educación, Deporte e Mocidade, e tres persoas de recoñecido prestixio no eido da banda deseñada.
O xurado será nomeado polo presidente da Deputación e actuará como secretario o da Corporación ou o funcionario no que delegue.
A composición do xurado darase a coñecer con anterioridade á súa reunión, no taboleiro e na páxina web da Deputación (www.dicoruna.es), co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.
Sexta.-
Os participantes terán a obriga de comunicarlle á Deputación a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso.
O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Para os efectos da validez da súa constitución aplicarase o disposto no art. 26.1 da Lei 30/1992 do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente.
O xurado non poderá declarar deserto o premio e presentará a súa proposta ao presidente da Deputación, que é o órgano competente para concedelo.
A decisión do xurado terá lugar no primeiro semestre de 2014 e será dada a coñecer por medio do taboleiro de anuncios e na páxina web da Deputación, e a través dos distintos medios de comunicación.
A plica correspondente á obra que resulte finalista poderá ser aberta polo secretario do xurado co fin de que, se o seu autor o permite, poida darse a coñecer o seu nome.
Sétima.-
Non se devolverán as obras presentadas e non premiadas e a partir do día seguinte á decisión do xurado serán destruídas.
Oitava.-
A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.