A peneira de boas prácticas innovadoras en Educación do último ano fai pública a lista de premiados.
Xa vos temos referenciado anteriormente en Botóns a iniciativa Dives Gallaecia, no IES Manuel García Barros, na Estrada, un traballo colaborativo sobre a romanización da Gallaecia que vén de gañar o primeiro premio no apartado “Uso innovador das tecnoloxías da información e da comunicación que introduzan cambios metodolóxicos” desta convocatoria da consellería. Dives Gallaecia fai ademais recompilación de material audiovisual con imaxes de calidade e vídeos en HD e serve de punto de encontro con outros profesores, con documentos e bancos de preguntas descargables para aulas virtuais da plataforma Moodle.
No apartado de “Mellora da convivencia nos centros educativos galegos”, o recoñecemento foi para o IES Afonso X O Sabio, no Concello de Cambre. Trátase dun proxecto desenvolvido ao longo de varios anos con moito éxito para conseguir mellorar unha convivencia, que se percibía pola comunidade educativa como un grave problema. O proxecto é suma de sete iniciativas máis salientables, todas elas de carácter voluntario e con diferente grao de consolidación. Tal e como explican, a situación neste instituto viña condicionada por un contexto socioeconómico e educativo singular aínda que non afastado doutros no resto do país: ao final da Urbanización de A Barcala, un “barrio dormitorio” de recente creación
da periferia de A Coruña, o cal, no momento da apertura do centro, contaba con notables
déficits de equipamento, unha difícil trama viaria, ou un cativo sentido de comunidade
veciñal.
Para darlle resposta ao complexo clima de convivencia escolar un grupo de docentes do IES tentou formarse nas ferramentas de resolución pacífica de conflitos. A primeira proposta formativa foi a constitución no curso 2000-01do Grupo de Traballo “Petelar”. Nos seguintes cursos académicos organizouse o programa “Vivimos Convivindo. Un programa de educación para a Convivencia”, con outros centros educativos e a ANPA do centro. No curso 2005-06 constitúese o Grupo de Traballo “Convivencia e Mediación”, coordinado polo Departamento de Orientación, dentro dos programas de formación do CEFORE de A Coruña. Nese curso realizouse a primeira enquisa de convivencia dirixida ao alumnado do centro e, logo da visita a un centro leonés para afondar no seu proxecto, púxose en marcha unha iniciativa de mediación escolar.
Na web Rianxo Fala podedes atopar a información das diferentes accións que configuran o Proxecto plurianual RianxoFala, primeiro premio no apartado de boas prácticas para o ensino do galego. Trátase dunha iniciativa do IES Félix Muriel, de Rianxo, co obxectivo da mellora de usos e actitudes entre o alumnado do IES, maioritariamente galegofalante. Tamén pretende influír no corpo docente, nas familias e en toda a poboación da contorna. As actividades están pensadas para fomentar o uso do galego, basicamente nos rexistros cultos, así como a eliminación de prexuízos.
A LISTA COMPLETA DOS PREMIADOS
- Modalidade A: Mellora da convivencia nos centros educativos galegos.
1º premio: IES Afonso X O Sabio, Cambre, A Coruña (Un modelo de convivencia)
2º premio: CEIP de Cespón, Boiro, A Coruña (Bos días princesa)
Accésit: CMUS Profesional de Vigo, Pontevedra (Unha proposta de modelo organizativo de Centro no contexto do século XXI)
- Modalidade B: Atención á diversidade.
1º premio: IES Plurilingüe de Ames, A Coruña (Proxecto Eslabón. Viaxe no tempo. O musical 2011-13)
2º premio: CEIP de Oza dos Ríos, A Coruña (O blog da aula de AL: “Falando enténdese a xente…”)
Accésit: IES Luís Seoane, Pontevedra (Con-vivindo con-arte)
- Modalidade C: Uso innovador das tecnoloxías da información e da comunicación que introduzan cambios metodolóxicos.
1º premio: IES Manuel García Barros, A Estrada, Pontevedra (Dives Gallaecia)
2º premio: IES de Sabón, Arteixo, A Coruña (Aplicación dos códigos QR en contornos educativos)
Accésit: CEIP A Rúa, Cangas, Pontevedra (Utilización dunha web educativa na metodoloxía de traballo por proxectos)
- Modalidade D: Desenvolvemento das competencias básicas.
1º premio: IES Plurilingüe Fontem Albei, A Fonsagrada, Lugo (Aprendizaxe por proxectos no desenvolvemento das CCBB)
2º premio: IES Carlos Casares, Viana do Bolo, Ourense (A adquisición das competencias básicas como unha realidade multidisciplinaria)
Accésit: CEIP Santa María do Valadouro, O Valadouro, Lugo (Competentes coas competencias!)
- Modalidade E: Mellora da aprendizaxe e do uso da lingua galega.
1º premio: IES Félix Muriel, Rianxo, A Coruña (Rianxo fala)
2º premio: IES Perdouro, Burela, Lugo (Modelo Burela)
- Modalidade F: Mellora da aprendizaxe e do uso das linguas estranxeiras.
1º premio: CEIP Wenceslao Fernández Flórez, Cambre, A Coruña (Uso das TICs nas seccións bilingües)
2º premio: EEI Concepción Crespo Rivas, Pontevedra (I can travel around the World with english)
- Modalidade G: Iniciativas de emprendemento e/ou de innovación metodolóxica na Formación Profesional.
1º premio: CIFP Ánxel Casal-Monte Alto, A Coruña (Inclusión do alumnado con deficiencia auditiva. Acústica das aulas e acceso á linguaxe oral)
2º premio: IES Leixa, Ferrol, A Coruña (Proxectos colaboración)