‘Nimbos de Luz’ segue o percorrido en Pontevedra

xose-maria-diaz-castroA mostra en homenaxe a Díaz Castro estará na biblioteca Antonio Odriozola deica o 14 de abril.

A exposición ‘Nimbos de Luz’ comezou o seu camiño en Guitiriz, vila natal de Xosé María Díaz Castro e xusto o 19 de febreiro, aproveitando o día do centenario do nacemento do autor. Desta volta, a mostra, que percorrerá ata 15 concellos, logo de estar na cidade de Vigo, fai agora parada na Biblioteca Antonio Odriozola de Pontevedra, onde estará ata o 14 de abril.

A itinerancia de ‘Nimbos de luz’ levaráa logo á provincia de Coruña. O centro cívico de Cerceda, do 16 de abril e o 8 de maio, e a santiaguesa biblioteca Ánxel Casal, do 10 de maio ao 26 do mesmo mes, serán as súas seguintes estadías. A Casa das letras de A Estrada, do 28 de maio ao 11 de xuño, o multiusos da Xunqueira en Redondela, do 13 ao 29 de xuño, e o auditorio de Vilagarcía de Arousa, do 1 ao 30 de xullo, constitúen as tres seguintes paradas da mostra na provincia de Pontevedra.

Logo dunha estada agostiña no concello de Mondoñedo (Lugo), ‘Nimbos de luz’ chegará consecutivamente a tres novas cidades galegas. Do 2 ao 16 de setembro a exposición permanecerá na biblioteca Miguel González Garcés, para proseguir o seu percorrido por outro centro bibliotecario nodal, neste caso o da cidade de Lugo, do 18 ao 30 de setembro, e pechar o seu periplo urbano na Casa da Xuventude de Ourense, do 2 ao 16 de outubro.

A casa da cultura de A Rúa (Ourense), entre 18 de outubro ao 3 de novembro, a nova casa da cultura de Cee (Coruña), do 1 ao 14 de decembro, e a Casa dos poetas de Celanova, do 15 ao 31 de decembro, serán as tres últimas estadías da mostra.

A exposición, promovida polos departamentos de Cultura e de Política Lingüística da Consellería de Educación, está comisariada por Alfonso Blanco Torrado, Luís González Tosar e Armando Requeixo. A través de 14 paneis temáticos, que se completan cunha parte audiovisual, na que se inclúe a proxección do documental ‘O instante eterno’, de Xosé Antón Cascudo, ‘Nimbos de luz’ permite unha importante aproximación á obra do poeta, tradutor e intelectual Díaz Castro.

RELACIONADO:
LETRAS GALEGAS 2014: Xosé María Díaz Castro – peneira de materiais

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*