Autora: Ana Martínez Rubio. Pediatra de Atención Primaria
Cantas veces se di que os mocos do nariz, se son de cor verde, é que están infectados? Milleiros de veces? Pois, é falso! Basta con mirar ao redor e observar cantos nenos andan corricando cunhas lustrosas veas de moco, de cores variadas que van desde o transparente ao verde, pasando por tonalidades de amarelos ou marróns.
Ao principio de calquera proceso catarral, aparece o moco clariño, transparente (a palabra técnica é “coriza”). Tamén hai máis ou menos conxestión da mucosa do nariz, o que causa obstrución e dificultade para respirar polas fosas nasais, e algún que outro espirro. Pois ben, a medida que pasan os días, ese moco mestúrase con células mortas da árbore respiratoria, que se van oxidando pola acción do aire, e cambia de cor.
“É que… ata que non lle demos o antibiótico, non se lle quitaron os mocos”, din algunhas persoas… Será verdade ou só unha percepción? É posible que sexa máis ben o segundo. Para algunhas persoas, o feito de dar (ou tomar) un medicamento proporciónalles a seguridade de que así se van curar. En realidade, o máis probable é que o neno se cure só, como case sempre. O sistema inmunitario adoita facer ben o seu traballo.
Un arrefriado si é unha infección, pero producida por virus… E, fronte a eles, de nada serven os antibióticos.
Outra cousa é que a tose se cronifique en exceso, que a febre persista ou haxa signos dalgunha outra infección bacteriana como a sinusite, que se diagnostica soamente se o catarro se prolonga máis de quince días e o neno ten máis de catro anos, xa que antes desa idade, os seos paranasais non se desenvolveron. De todos os xeitos, aínda existe moita controversia sobre o diagnóstico e o tratamento da sinusite?
“Si, ten un arrefriado. É normal que tusa, pero tráiao dentro de dous días, por se os mocos lle baixaron ao peito”, di ás veces o pediatra. E o que é unha medida de prudencia na época epidémica de bronquiolite, convértese nun costume. Seméntase así a sombra dunha ameaza en todos os arrefriados, os que ocorren noutras idades e noutras épocas do ano. E logo queixámonos de que as familias consulten polos arrefriados simples!
A frase desafortunada nace dunha experiencia: a bronquiolite. Trátase dunha enfermidade que empeza exactamente igual que un arrefriado (coriza, tose pequena, conxestión de nariz) e que, en dous a catro días, maniféstase como o que é: unha inflamación dos bronquios que pode causar moita dificultade para respirar aos bebés pequeniños.
Non, os mocos do nariz non poden “baixar” aos bronquios. O máis lonxe que chegan é á gorxa, onde o reflexo da tose exerce de “porteiro”, e, ademais, é moi eficiente. Por iso, os nenos acatarrados tosen en canto se deitan na cama.
Certamente, nos bronquios tamén se producen mocos e estes son expulsados de forma automática e insensible por unhas pequenas pilosidades ou cilios móbiles que se moven en dirección cara á boca, empuxando as pequenas partículas de moco. Logo, cando se unen varias pinguiñas, de novo aparece a tose, que é un disparo intenso e rápido dun relampo de aire, que literalmente “varre” o moco e termínao de arrastrar cara á boca.
Unha vez na garganta, o máis habitual é tragarse o moco, deglutilo. E só nalgunha ocasión, botar fóra o esputo (expectorar).
Estes dous exemplos mostran como, algunhas veces, os profesionais da saúde contribuímos, sen pretendelo, a difundir mitos ou ideas erróneas. Ás veces, ata os xeramos nós. A maioría das veces coa mellor intención: a de facer comprensibles ás familias algúns conceptos de fisioloxía. Outras veces impulsados polos nosos propios temores.
Con todo… son iso: mitos.
Recorden:
– A cor dos mocos nun arrefriado non indica que haxa unha sobreinfección (agás se se acompaña de febre de máis de tres días de evolución)
– Os arrefriados e as bronquiolites teñen síntomas parecidos ao principio, pero son enfermidades diferentes.
– A mellor forma de eliminar os mocos é a tose.
– Os antibióticos non modifican o curso clínico dos arrefriados, nin preveñen as sobreinfeccións bacterianas e, ademais, poden contribuír a seleccionar cepas de xermes resistentes
Autora: Ana Martínez Rubio. Pediatra de Atención Primaria. Centro de Salud de Camas, Sevilla. Grupo PrevInfad
Este artigo é cortesía da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPAP)
Relacionados: