Congreso Xuvenil Internacional Oceántica

oceanticaO Campus do Mar da Universidade de Vigo convoca unha nova edición, será a segunda, do Congreso Xuvenil Internacional Oceántica. O evento deseñouse co obxectivo de sensibilizar a cidadanía, e particularmente aos mozos e mozas, sobre a sustentabilidade nos espazos de interacción mar-terra-poboacións humanas nos sistemas costeiros. Ademais, é tamén obxectivo do congreso o reto do cambio climático. Oceántica está dirixido ao estudantado de sexto curso da Educación Primaria, A Educación Secundaria, Bacharelato, Ciclos Formativos e inicio de universidade, é dicir, aproximadamente entre 12 e 18 anos.

“Tes unha idea para comunicar os retos de sustentabilidade dos océanos e a súa resposta ao cambio global?”, reza o desafío proposto ás escolas desde a organización do evento. Xa que logo, o estudantado está convidado a elaborar proxectos de sensibilización ambiental, vencellados ao mar. O formato é libre e os autores dos traballos máis votados serán premiados coa participación nun campus científico-artístico socio-ambiental.

Os traballos poden enviarse a través da web do congreso: http://congresooceantica.campusdomar.es/

Na mesma web podedes botarlle un ollo tamén aos traballos enviados na edición anterior, a de 2013. Alén disto, o proxecto Oceántica tamén promove unha serie de relatorios que comezaron xa este mesmo xoves no IES Virxe do Mar, en Noia, coa intervención do catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo e director de Campus do Mar, Emilio Fernández. Ao longo das vindeiras semanas participarán tamén a catedrática do departamento de Química Analítica da Universidade da Coruña, Soledad Muniategui, e Isabel Riveiro, investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo, que falarán no IES Universidade Laboral de Culleredo e no IES Sangriña de A Guarda, respectivamente. Os tres relatorios que conforman o ciclo de conferencias do proxecto Oceántica poderán seguirse en directo a través da WebTV de Campus do Mar, que tamén permitirá a interacción entre poñentes e internautas a través dun canal chat.

As bases do concurso na web de Climántica
http://climantica.org/climanticaFront/resource/bases_congreso_14_GAL.pdf

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*