Agustín Fernández Paz, Premio Trasalba 2014

agustin_fernandez_pazEntregarase o 29 de Xuño na Casa Grande. O escritor Agustín Fernandez Paz será a personalidade da cultura galega homenaxeada na Festa Anual que organiza en Trasalba a Fundacion Otero Pedrayo. Así o decidiu por unanimidade a xunta de goberno da institución, logo de considerar propostas que chegaron tanto dende dentro como dende fóra da fundación.

O acto de entrega se realizará, como xa é tradicional, na casa grande de Cimadevila (Amoeiro), casa museo de Ramón Otero Pedrayo, o derradeiro domingo do mes de xuño.

Os promotores do premio, que este ano chega á edición número 32, valoraron moi especialmente a significación de Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947), no eido da literatura dirixida aos lectores máis novos (infantil e xuvenil), ámbito no que o autor ten acadado recoñecida sona dentro e fóra das nosas fronteiras, así como o seu compromiso coa lingua e os movementos de renovación pedagóxica que empezaron a desenvolverse a partir dos anos 80, un eido que ata agora non fora considerado na nómina de Premios Trasalba, o que sen dúbida os enriquece.

A relación de premios e recoñecementos de Agustín Fernández Paz non é de agora. Entre outros galardóns posúe o Premio Merlín (1989), o Premio Lazarillo (1990), o Premio Ourense de Banda Deseñada (1992 ), o Premio EDEBE (1994, 2005), o Premio Barco de Vapor (2003), o Premio Martín Sarmiento (2006), o Premio Xerais de Novela (2007), o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil (2011), o Premio Anxel Casal (2011), o Premio Lousada Diéguez (2012) e, entre outros moitos, o Premio Nacional de Literatura no ano 2008.
Varias veces recibiu o Premio da Crítica e estivo seleccionado na Lista de Honor do IBBY. Igualmente foi agasallado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Federación de Libreiros de Galicia, Galix, etc. A súa obra está a traducida a diversos idiomas.

Lauadatio e libro homenaxe
Francisco Castro, escritor e presidente de GALIX, será a persoa encargada de escribir a laudatio do galardonado e a fundación prepara para a ocasión un libro homenaxe, publicación tradicional tamén nos últimos anos, arredor da personalidade e traxectoria e biografía de Fernández Paz. O premio ten carácter honorífico e está representado por unha figura de bronce do patriarca das Letras Galegas, obra do escultor Manuel Buciños, Na edición anterior a persoa homenaxeada foi a gaiteira Cristina Pato, que estará presente na celebración e dará o relevo a Agustín Fernández Paz.

Fonte: Fundación Otero Pedrayo
http://fundacionoteropedrayo.org/

1 COMENTARIO

Deixa una resposta a Xan Cancelar resposta

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*