Que é e por que se produce o “mutismo infantil”?

Flickr: Sara Biljana
Flickr: Sara Biljana
A logopeda Ana Martín analiza a desaparición e inhibición da linguaxe nos nenos e nenas e o seu tratamento.

Autora: Ana Martín Gómez. Mestra pedagoga. Experta en terapia da linguaxe.

Existen diferentes manifestacións de mutismo infantil:

1.- ATRASO NA APARICIÓN DA LINGUAXE:

a) Atraso puro da fala: falta de maduración nas habilidades motoras da fala (alteración fonética, dislalias evolutivas e/ou funcionais, tartamudez).

b) Atraso simple da linguaxe: poden estar comprometidas a área fonolóxica, semántica, morfolóxica e/ou pragmática.

2.- MUTISMO ADQUIRIDO:

a) Mutismo total: desaparición total da linguaxe, repentina ou progresivamente. Este é o peor caso de mutismo e, por iso, tamén o máis sinxelo de detectar. As persoas afectadas deixan de falar. Como detonante pode destacarse algún tipo de experiencia traumática.

A miúdo, o mutismo total está relacionado coa depresión, a psicose ou algún outro tipo de problemas psiquiátricos.

b) Mutismo selectivo ou electivo de persoas e/ou situacións: é a inhibición da fala nunha, varias ou moitas situacións sociais, incluíndo a escola, malia ter capacidade para falar e comprender a linguaxe.

Algúns poden comunicarse mediante xestos, con afirmacións ou negacións con movementos de cabeza ou, nalgúns casos, utilizando monosílabos ou expresións curtas.

O máis frecuente é que o neno non fale na escola, aínda que si na casa, e que se negue a falar con adultos descoñecidos, incluídos os mestres e mestras. Un exemplo de mutismo selectivo sería o mutismo selectivo idiomático: nenos de familias emigrantes dun país de idioma diferente que se negan a falar a nosa lingua; aínda que existe unha adecuada comprensión, persiste o rexeitamento a falala.

No mutismo selectivo, o rexeitamento a falar non é, con todo, debido a un déficit grave da linguaxe ou a outro trastorno mental. Podería falar, aínda que fose mal, pero non o fai. Para algúns autores, é unha manifestación dun estado de ansiedade.

A idade de comezo adoita ser antes dos cinco anos, pero chaman a atención ao empezar a escola.

A duración do trastorno debe ser superior a un mes e non coincidir co primeiro de escolarización do neno ou o seu traslado dun centro escolar a outro distinto. Nalgúns casos, a alteración dura só varios meses, aínda que pode perdurar varios anos se non se inicia o tratamento.

Pode haber un grave deterioro do funcionamento social e escolar.

SINTOMATOLOXÍA ASOCIADA

Poden presentarse outros trastornos na linguaxe expresiva (dislalias*, disglosias*, rinolalias*).

Timidez excesiva, illamento social, retraimento, rexeitamento escolar, encoprese*, enurese*, trazos compulsivos, temperamento inestable e condutas de negativismo.

Pode traer, como complicacións, fracaso escolar e ser vítima propiciatoria dos compañeiros.

FACTORES QUE PREDISPOÑEN AO MUTISMO

– A sobreprotección familiar.

– Falta de estimulación lingüística.

– Nivel de esixencia dos pais, exceso de preocupación.

– Problemas familiares.

– Situacións de bilingüismo mal integrado.

– Os trastornos da fala e/ou a linguaxe (dislalias, disfemias*, rinolalias*, atrasos da fala e a linguaxe).

– O atraso mental recuperable/límite.

– A emigración.

– A hospitalización.

– Un trauma antes dos 3 anos.

– A entrada na escola.

– A ansiedade.

CARACTERÍSTICAS DIFERENCIAIS

No atraso mental grave, nun trastorno profundo do desenvolvemento, nos trastornos do desenvolvemento da linguaxe de tipo expresivo (disfasia*), pode haber dificultades para falar, pero non unha inhibición tan grande que lles impida facelo.

Na depresión, o trastorno por evitación na infancia ou a adolescencia, o negativismo e a fobia social, pode haber tamén un rexeitamento a falar, pero, en todos estes casos, a ausencia de fala non é a alteración predominante, que si o é no mutismo.

NIVEIS DE AFECTACIÓN

Segundo os seguintes criterios:

– A idade do suxeito: a maior idade, maior persistencia do trastorno e maior gravidade.

– A duración do mesmo: canto máis tempo pasou desde que se coñece a inhibición, maior gravidade.

– A intensidade: cando máis inhiba a súa comunicación oral, maior gravidade.

INTERVENCIÓN

É aconsellable iniciar a intervención do neno con mutismo en canto o problema sexa detectado. O máis habitual é o mutismo selectivo ou electivo.

O obxectivo final da intervención é que o neno con mutismo selectivo sexa capaz de interactuar verbalmente de forma espontánea cos adultos e nenos da escola e da súa contorna social e familiar, levando a cabo peticións verbais espontáneas e respondendo de forma audible ás preguntas que os demais interlocutores lle suscitan.

Levarase a cabo a intervención, coa implicación de pais e profesorado, mediante un método de “desmutización”, concretándose os distintos tipos de actividades de intervención desmutizadora.

*

Disfasia: é un trastorno da linguaxe caracterizada pola dificultade para falar e/ou comprender o discurso falado.

Disfemia: É unha alteración da fluidez verbal, tartamudez.

Disglosias: trastorno da articulación dos fonemas debido a alteracións anatómicas e/ou fisiolóxicas. Beizo leporino, ‘frenillo’.

Dislalia: Alteracións na articulación dos fonemas polas substitucións duns por outros.

Encoprese: Defecación involuntaria que sobrevén ao neno de 4 anos.

Enurese: persistencias de miccións incontroladas mais alá da idade na que se alcanza o control vesical (4 – 6 anos max).

Rinolalia: alteración ou omisión na articulación dalgúns sons que pode ir asociada a un timbre nasal de voz.

BIBLIOGRAFIA:

Olivares Rodríguez J. El niño con miedo a hablar. Madrid: Editorial Pirámide. Colección Ojos Solares; 1994

Olivares Rodríguez J, Méndez Carrillo FX, Bermejo RM. Mutismo selectivo: naturaleza, evaluación y tratamiento. En: Caballo VE, Simón López MA. Manual de Psicología Clínica Infantil y del Adolescente. Madrid: Ediciones Pirámide; 2004. p. 299-320.

Cortés Urbán C, Gallego Gallego C, Marco Gallo MP, El mutismo selectivo. Guía para su detección e intervención precoz en la escuela. Navarra: Centro de recursos de educación especial de Navarra. Departamento de Educación. Gobierno de Navarra; 2009

 

Este artigo é cortesía da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPAP)

 

Flickr: Sara Biljana
https://www.flickr.com/photos/sarabiljana/9476339443

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*