Dentro das actividades do Festival de Cinema de Ourense. Prazo aberto deica o 27 de xuño.
“Facer cine en Galicia é posíbel. Facer cine en galego é necesario, calquera cultura que queira sobrevivir precisa do cine”. Con esta frase do finado cineasta Chano Piñeiro, se subliña a convocatoria dunha nova edición do Certame de Cinema OUFF Escola.
Trátase dunha iniciativa da Concellaría de Cultura, Normalización Lingüística e Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF), xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, dentro da 19.ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense.
O Certame de Cinema OUFF Escola nace co obxectivo de impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo, nunha linguaxe atractiva para o alumnado, que contribúa a xerar un espírito crítico.
Este certame pretende, así mesmo, potenciar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para a mostra do audiovisual feito nas aulas. Encádrase como ferramenta dentro da Directiva Europea de Alfabetización Mediática, que procura dar formación á mocidade sobre o coñecemento e a avaliación do audiovisual.
A inscrición pode facerse vía cuestionario na sección de OUFF Escola do web do Festival (www.ouff.org) antes do 27 de xuño 2014, asinado polo docente responsable do audiovisual.