“O ensino non conseguiu que a mocidade conecte a ciencia coa vida real”

O profesor Noah Weeth Feinstein
O profesor Noah Weeth Feinstein
Recuperamos unha interesante entrevista a Noah Weeth Feinstein, investigador en cultura científica.

Autora: Ana Hernando / Axencia SINC

No especial de Science titulado ‘Grandes retos en educación científica’, o profesor Noah Weeth Feinstein, da Universidade de Wisconsin-Madison, propón estratexias para que os alumnos de disciplinas non científicas se interesen pola ciencia. Entre outras cousas, ptopón relaxar a rixidez pedagóxica e utilizar a ciencia para resolver problemas cotiáns.

O seu artigo en Science fala de varias liñas pedagóxicas para axudarlle aos estudantes a usar a ciencia na resolución de problemas prácticos, ata entre os que chaman ‘competent outsiders’, que non van optar por unha carreira relacionada con ciencia ou tecnoloxía.

O ensino tradicional non conseguiu que a mocidade conecte a ciencia coa vida real, pero creo que é unha das ferramentas máis importantes que poden desenvolver, e teñen que aprender a facer esa conexión por si mesmos. Os profesores centrámonos en problemas artificiais, definidos en términos puramente científicos, e asumimos que, dalgún xeito, o alumnado será capaz de asociar eses problemas cunha realidade local máis complexa.

Así que o ensino da ciencia non é o axeitado?

Non, porque utilizamos uns escenarios moi pouco convincentes no canto de empezar polas cuestións que lles interesan aos estudantes. No artigo recomendamos varias estratexias que son parte de investigacións en curso, como a aprendizaxe baseada en problemas, que enfronta os estudantes con problemas mal estruturados para que teñan que ampliar os seus coñecementos e desenvolver solucións. Outra liña é a chamada ‘placed-based education’, que aproveita o coñecemento científico para aplicalo en beneficio dunha determinada comunidade; e tamén se pode traballar con temas de discusión en ciencia, tecnoloxía e sociedade.

Que achegan estas estratexias?

O que teñen en común é que todas se centran en problemas que non están definidos en términos puramente científicos e requiren que os estudantes traballen en colaboración cos seus profesores para pescudar como a ciencia pode contribuír a ser parte da solución.

É a ciencia útil para resolver problemas cotiáns?

Si, pero é absolutamente fundamental que entendamos que os problemas das persoas non están definidos en términos científicos. Temos que saber que ciencia é relevante, e logo, como facer un bo uso dela. Coller un achado científico e trasladalo ás condicións particulares das nosas vidas non é unha tarefa trivial, pero é o que temos que facer.

Pode poñer algún exemplo?

Un moi obvio é o cambio climático. Os estadounidenses escoitan constantemente que a ciencia detrás do cambio climático antropoxénico é aínda moi incerta. Os lectores de Science saben que iso non é verdade e que hai un número mínimo de negacionistas, pero como vai entender o público o que os científicos saben ou como se manexa en ciencia a incerteza? Estes son os desafíos que a educación científica debe afrontar. A forma na que ensinamos hoxe ciencia non é moi útil, pero podería selo.

Cre que o enfoque actual da educación científica é demasiado ríxido como para que os alumnos se interesen pola ciencia?

Nos Estados Unidos centramos case toda a nosa atención nos feitos, principios e habilidades que lle axudarán ao estudantado a seren bos científicos. Asumimos que eses mesmos feitos e principios tamén lles axudarán a interaccionar coa ciencia como cidadáns, pero a ciencia e o mundo cambian tan rápido que é imposible predicir que vai interesar dentro de 20 ou 30 anos.

Cremos que en lugar de darlles aos estudantes un conxunto de feitos e principios, deberiamos pensar que van necesitar cando se atopen con cousas que non se poden anticipar. E tamén ensinarlles a que sexan capaces de saber cal será a ciencia importante para eles no futuro.

Pensa que os científicos se resisten a novas fórmulas de educación?

Ás veces, si, pero todos temos unha tendencia natural a repetir as cousas que nos resultan familiares. Con todo, os científicos tamén poden ser unha parte moi importante da reforma, son moi influíntes no ensino da ciencia. Creo que o primeiro que deben facer é cuestionar a forma en que sempre se fixeron as cousas. Deberían levar á educación científica o mesmo escepticismo que utilizan no seu traballo, preguntárense se a ciencia que se ensina hoxe no colexio é útil e porqué.

A segunda cuestión que deben asumir os científicos é non ocultar como funciona a ciencia. A maioría da xente non ten nin idea do que é unha revisión por pares, e isto podería ser moi importante para unha persoa que trata de informarse sobre cambio climático ou vacinación. Os científicos deben axudarlle ao profesorado a descubrir o mellor xeito de falar sobre ciencia, respectando o traballo científico sen idealizalo.

Entón, na súa opinión, cal é a mellor forma de ensinar ciencia?

Hai unha cousa na que todo o mundo parece estar de acordo e é que a educación científica debe ser útil para os non científicos. O noso artigo cuestiona algunhas convencións establecidas sobre como e por que a ciencia é útil na vida diaria e suxire que, co fin de proporcionar unha boa educación científica para non científicos, necesitamos analizar a forma na que a xente interacciona coa ciencia unha vez que acabaron a escola.

Cales son as súas recomendacións?

Hai que axudarlle ao estudantado a conectar as cuestións que lles preocupan coa ciencia. Ademais, debemos ensinarlles a entender as bases sociais e institucionais da credibilidade científica. Os científicos saben que revistas son fiables e que autores e institucións son dignos de confianza, e é moi importante que os cidadáns tamén saiban que non toda a ciencia é igual.

Outra recomendación é potenciar que os estudantes desenvolvan os seus propios intereses. O sistema educativo quere que todos aprendan as mesmas cousas e non deixa que os nenos sigan o que lles fascina. Con todo, as últimas investigacións demostran que os estudantes con intereses propios en ciencia, non importa canto de específicos ou estraños poidan ser, terán máis confianza ao achegárense á ciencia no futuro.

Ana Hernando / Axencia SINC

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*