Premio Antonio Fraguas a proxectos didácticos

premio_antonio_fraguasA Fundación Antonio Fraguas convoca a IX edición do certame adicado á realización de programas de pescuda sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico do contorno inmediato entre os centros escolares de Galicia.

O labor docente e científico de don Antonio Fraguas, exercido durante décadas e a través de varias xeracións, constitúe unha referencia para a cultura galega. Seguindo na liña por el trazada, a Fundación que leva o seu nome pretende alentar entre a comunidade escolar
un traballo sistemático orientado á educación patrimonial, ao coñecemento da lingua e do medio e á valorización dos máis diversos elementos do noso acervo cultural.

Establécense dúas modalidades: ensino primario e ensino secundario. En cada unha delas elixirase un proxecto, que se ha desenvolver durante o seguinte ano lectivo.

O ámbito temático abranguerá un ou varios destes campos: etnografía, antropoloxía, xeografía, historia ou arte. Un capítulo do traballo abordará algún aspecto lingüístico: a onomástica (toponimia e antroponimia), o léxico específico, a fraseoloxía.., relacionado co tema proposto.

Institúese un premio de 7.000 euros para cada modalidade. O premio dedicarase integramente á realización do proxecto, que pode incluír a adquisición de material escolar ou equipamento destinado a el. A aplicación do premio deberá comprender a elaboración dos materiais que plasmen o traballo realizado, presentados en lingua galega e no formato axeitado para a súa exposición. O pagamento farase en dúas metades, un 50 por cento no momento da concesión e o 50 por cento restante á finalización do proxecto, cando se realice a exposición.

As candidaturas remitiranse á Fundación Antonio Fraguas Fraguas, San Domingos de Bonaval, 15703 Santiago de Compostela, ata o 31 de maio de 2014

Máis información (.pdf)

Museo do Pobo Galego
San Domingos de Bonaval
15703 Santiago de Compostela
tel. 981 583620 – fax 981 554840
correo e.: fundacionfraguas@museodopobo.com

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*