O proxecto didáctico xurdido en Gondomar toma forma agora nun libro, un conto e un DVD.
O Instituto Terra de Turonio, en Gondomar, leva anos aproveitando o mundo dos cabalos, presente na realidade de familias e entorno do centro escolar, para desenvolver diversas actividades didácticas. Este labor tomou forma de proxecto máis ambicioso en 2008 baixo o nome ‘Ceibes no monte’ e foi recoñecido daquela co primeiro premio no certame Antón Fraguas que convoca o Museo do Pobo. Un ano máis tarde, comezou a percorrer o país unha exposición sobre os contidos do proxecto que reparaba no medio natural, o monte comunal, o cabalo galego de monte, os curros e o cabalo nas artes.
Do proxecto xurde agora un libro-conto-DVD que peneira diversos materiais vencellados a esta iniciativa. Escritores, docentes, asociacións de gandeiros, o sector veterinario, comunidades de montes… diferentes voces enriquecen o libro que con ampla ilustración gráfica pode xa adquirise en librarías ou na tenda editora PAI Música. Ademais, Santi Veloso e Alfredo López asinan o texto do conto ilustrado por Andrés Meixide que narra a historia dun cabalo ceibe no monte desde o seu nacemento ao seu posterior desenvolvemento ceibe nos montes.
O DVD que acompaña ao libro, editado coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, do Concello de Gondomar e das comunidades de montes do Val Miñor, contén o documental Ceibes no monte realizado pola produtora audiovisual Casa de Tolos de Gondomar e tres vídeos dos curros que se celebran no concello: o de Morgadáns, o de San Cibrán ( Donas ) e o do Galiñeiro ( Vincios ). Ademais, o DVD contén unha entrevista realizada á escritora Eva Moreda ( autora do libro O país das bestas ) e ao escritor Gonzalo Moure ( Eu son un cabalo, Os cabalos do meu tío, Tuva) nas instalacións de Radio Turonio. Tamén se recolle a participación do escritor X.L.Méndez Ferrín recitando o poema Cabalos do seu libro Estirpe.
A nosa paisaxe, os nosos animais, os nosos cabalos
Na web www.ceibesnomonte.com pódense ver os traballos sobre este tema realizados polo alumnado.
A presenza dos cabalos en liberdade nas serras do Galiñeiro e da Grova é unha “práctica ancestral” mesmo documentada nos petroglifos achados nos montes da zona, con escenas de monta equina atopadas en Couso, Sabarís ou Oia. O alumnado das ‘Terras de Turonio’, denominación medieval da zona sur de Pontevedra, ten feito un feixe de actividades arredor deste eixo temático, así por exemplo escola e institucións locais colaboraron en establecer varios roteiros das “burras” (por “burra” dinlle no Val Miñor aos cabalos) como sendas de interese cultural.
“Ceibes no monte constitúe un exemplo excelso de como pode ser entendido un ensino activo con raíz na propia realidade local e nacional. A práctica pedagóxica dun Instituto pode estenderse e actuar como centro iluminador da conciencia pública”, deixou dito o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín. “Ceibes no monte cumpriu e segue cumprindo a tarefa necesaria de seguir facéndonos conscientes da nosa paisaxe, dos nosos animais, dos nosos cabalos”, afirmou a escritora Eva Moreda.
Espazo no Facebook de Ceibes no Monte
https://www.facebook.com/ceibesnomonte
Web de Ceibes no Monte
http://www.ceibesnomonte.com/