Coidados para irmos á praia ou á piscina

Coidado co solAutores: Juana Solano Chamorro. Pediatra de Atención Primaria. Mérida
Juan José Morell Bernabé. Pediatra de Atención Primaria. Badajoz

Gozar dun día na praia ou na piscina é unha das actividades máis divertidas e saudables para os nenos a calquera idade, polo que supón o contacto coa auga, o baño, os xogos coa area e ao aire libre, e a relación con outros nenos e nenas e demais membros da familia.

No entanto, deben terse en consideración algunhas circunstancias que poden ocasionar enfermidade ou problemas de saúde ou, ás veces, ata accidentes graves, sendo importante poder gozar do sol e a auga con responsabilidade.

Coidados co sol

A exposición moderada ao sol é beneficiosa para o noso organismo e axuda a sentirnos mellor, pero hai que ser coidadoso porque as radiacións solares poden agredir a pel, provocando queimaduras e lesións, e teñen efectos canceríxenos sobre ela.

Para previr os efectos nocivos do sol débense tomar algunhas precaucións e afacerse a ter hábitos de fotoprotección en todas as idades e, de xeito especial, nos bebés e nenos e nenas pequenos (moi sensibles ás radiacións solares).

Os menores de 6 meses de idade non deben ser expostos de forma directa ao sol nin se lles debe aplicar filtros solares, xa que a súa pel é moi delgada e os seus mecanismos de autoprotección non están completamente desenvolvidos.

De forma xeral, débese evitar a exposición ao sol entre as 12 e 17 horas (horario de verán en España), incrementar o tempo de exposición de forma lenta e gradual e utilizar sempre medidas de protección solar, tendo en conta que os fotoprotectores ou cremas de protección solar deben usarse correctamente (Táboa I) e sempre asociados a outras medidas.

A roupa é a forma máis útil de fotoprotección. Usar camisetas folgadas, de algodón ou tecido transpirable, con mangas, e pantalóns longos; e ter coidado coa roupa mollada, xa que favorece o paso de radiación UVB. Convén levar camisetas de reposto.

Tamén é importante cubrir a cabeza con gorras de visera ancha ou chapeus que protexan pescozo, orellas, ollos, fronte e nariz; levar sombrillas ou parasois e buscar sitios con sombra. A partir de certa idade, o uso de lentes de sol con filtros homologados fronte a radiacións ultravioleta pode ser un complemento divertido, que lles senta ben, e son imprescindibles para coidar os seus ollos.

Todas as medidas de prevención non só son válidas para irmos á praia ou á piscina no verán, tamén o son para ir á montaña, a neve ou sempre que se realicen actividades ao aire libre. Hai que ter en conta que a auga, a area ou a neve reflicten os raios ultravioleta, polo que teñen un efecto multiplicador; e non esquecer que é necesario protexerse tamén os días nublados, xa que as radiacións atravesan as nubes.

Para rematar, considerar que o bronceado artificial (con lámpadas e camas solares) é igualmente perigoso e pode producir efectos irreversibles na pel, debendo aconsellar aos nosos adolescentes para que extremen as medidas de precaución tamén nestes casos.

Coidados coa auga

O maior perigo a considerar coa auga é o risco de afogamento ou asfixia por inmersión; e non é un problema menor, xa que é causa importante de morte nos nenos de todo o mundo, especialmente entre os menores de 5 anos e os varóns adolescentes.

Aínda que hai desenvolvida algunha lexislación respecto diso, a educación continua a nenos e adolescentes e os consellos a pais e nais para que teñan en consideración este risco e adopten medidas de prevención, constitúen as principais estratexias preventivas.

Como norma xeral, é importante ensinarlles ao nenos e neas a nadar canto antes e vixialos constantemente cando estean cerca da auga ou dentro dela.

Non hai criterios para establecer cal é a idade axeitada para aprender a nadar, aínda que hai recomendacións para iniciar a aprendizaxe da natación a partir dos 4 anos. Sobre o ensino da natación a bebés de pouca idade (ou matronatación), non hai unanimidade para a súa recomendación como medida de prevención de afogamentos, xa que pode aumentar o risco por “desatención” ou confianza dos pais e nais, aínda que pode ser un bo método de estimulación para os nenos.

En calquera caso, aínda que un neno saiba nadar, débese manter unha supervisión activa e permanente cando estea na auga, xa que chega con tres minutos sen respirar para poder provocar lesións irreversibles no seu cerebro.

praiaAsí pois, débese ter en consideración:

– Que os manguiños, burbullas ou rulos son unha axuda para aboiar, pero, por si sós, non son garantía de protección.

– Evitar xogos perigosos dentro da auga (empurróns, “afogadillas”) e perto da piscina.

– Delimitar as zonas de maior e menor profundidade en piscinas, e advertir aos nenos e neas maiores e adolescentes sobre os riscos de botárense á auga de cabeza en lugares onde non se coñezan a súa profundidade (ríos, lagos, rochas no mar).

– O síncope de “hidrocución” ou mal chamado “corte de dixestión”. É importante afacer os nenos e neas a seguir algunhas normas antes de darse un baño: non entrar de vez na auga, sobre todo logo de estaren ao sol ou de realizar exercicio intenso ou tralas comidas, evitando os cambios bruscos de temperatura .

– Educar os adolescentes sobre os riscos de consumo de alcohol e/ou drogas cando van nadar ou realizar algunha actividade recreativa ou deportiva na auga .

– Ter en conta que os nenos ou adultos que presentan convulsións teñen un risco maior de asfixia por inmersión, polo que deben extremarse as precaucións.

– Elixir piscinas e praias vixiadas, cun número suficiente de socorristas e prestar atención aos sinais de permiso ou prohibición de baño.

– E, en calquera caso, manter unha supervisión activa sobre os nenos e nenas cando están no auga, establecendo claramente quendas de vixilancia se hai varios adultos, para gozar dun bo día de praia ou piscina.

En España, o 80% de mortes por afogamento ocorren en piscinas privadas polo que, nestes casos, deben extremarse as precaucións de vixilancia e recordar a conveniencia de instalar valas de seguridade rodeando todo o perímetro da piscina para impedir o acceso de nenos pequenos e lonas pechando a piscina fóra das épocas de baño.

Outras precaucións

Débese ter coidado , cando o neno camiñe descalzo na praia ou en zonas comúns das piscinas públicas, polo risco de vidros, xiringas, restos de lixo, conchas rotas ou outros obxectos cortantes; ou de contaxio por hongos ou verrugas. Se hai riscos, insista en usar un calzado axeitado.

Tamén se debe considerar a posibilidade de picaduras de insectos na piscina ou de medusas ou ourizos nas zonas de praia. No seu caso, acuda ao posto de socorrismo próximo.

Bibliografía e ligazóns de interese :

1) Programa de Saúde Infantil. Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPap). 2009. Ed. Exlibris. 2009

2) Web da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPap) www.aepap.org :

– Familia e Saúde: Prevención de accidentes www.aepap.org/familia/accidentes.htm

– Grupos de Traballo: PrevInfad www.aepap.org/previnfad/pdfs/previnfad_fotoproteccion.pdf

3) Zona Pediátrica. Rede social de saúde infantil www.zonapediatrica.com

– Temas para pais e nais www.zonapediatrica.com/home-de-pais/home-para-pais.html

4) Web da Asociación Española contra o Cancro www.todocancer.com

– Consellos de Saúde: Sol e Pel www.todocancer.com/ESP/Informacion Cancer/Consellos de saúde/Sol/

 

Táboa I. Utilización correcta de fotoprotectores

Utilizar cremas ou locións cun factor de protección solar alto (15 ó máis); maior naquelas persoas con ollos claros, cabelo louro ou roxos, pel branca ou pecosa ou dermatite atópica
Preferiblemente usar produtos que conteñan filtros fronte a raios UVA e UVB; e resistentes á auga
Aplicar o fotoprotector 30 minutos antes de saír da casa, sobre a pel seca; nunca ao chegar á zona de baño
Usar cantidade suficiente sobre toda a superficie exposta e, de xeito especial, no rostro, pescozo e orellas, ombreiros e axilas, e o coiro cabeludo no caso de nenos e nenas pequenos
Volver aplicar cada dúas horas e logo de cada baño prolongado (máis de 20 minutos)
Ofrecer auga a miúdo para evitar a deshidratación; e/ou pezas de froita aos nenos e nenas maiores
Logo da exposición ao sol, usar leite hidratante e calmantes para a pel (especial coidado en pel atópica)
Non aplicar perfumes nin colonias, que poden ser fotosensibilizantes e favorecer a aparición de manchas na pel

 

1 COMENTARIO

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*