Nova edición da campaña educativa “Separemos ben, reciclaremos mellor”

aula_mobil_reciclaxeAula móbil, obradoiros e recursos diversos que chegarán a novos ámbitos da sociedade a través da consellería de Medio Ambiente e Sogama.

A concienciación da cidadanía respecto da necesidade de incrementar as taxas de reciclado en Galicia e a diminución da porcentaxe de impropios detectados nos distintos colectores de recollida selectiva é obxectivo central da campaña educativa “Separemos ben, reciclaremos mellor”. Estes días arrinca a terceira edición, coa mesma vontade que en anos anteriores mais achegando novidades para incrementar a súa efectividade.

A campaña está promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Sogama, contando coa colaboración de Ecoembes, os sistemas integrados de xestión de pilas (Ecopilas, Ecolec e ERP) e, por primeira vez, de Ecovidrio. Desta forma inclúense as principais fraccións de residuos que os cidadáns deben separar en orixe, depositándoas nos recipientes adecuados para garantir a súa posterior recuperación e reciclado: o colector amarelo, habilitado para acoller os envases de plástico, as latas e os briks; o azul, para os envases de cartón e papel; o iglú verde, para os de vidro; o recipiente específico para pilas; e o colector verde convencional, que alberga a fracción resto para a súa conversión, por parte de Sogama, en enerxía eléctrica.

Diversidade de recursos
O principal elemento da campaña será outra vez a aula móbil, que se emprazará en lugares estratéxicos dos municipios para informar e formar aos veciños na mellor xestión dos residuos. Estará acompañada polo xogo xigante da reciclaxe, concibido como instrumento pedagóxico co que os nenos terán a oportunidade de poñer a proba os seus coñecementos, adquirir novos conceptos e divertírense, á vez que levan a cabo un proceso de aprendizaxe.

Xa en pleno verán e aproveitando feiras populares, mercados, festas e outros eventos, a aula móbil aproveitará para levar a súa mensaxe ao maior número posible de habitantes, contando para iso co labor de oito educadores medioambientais con ampla experiencia na materia, que serán os encargados de captar a atención da cidadanía e trasladarlles os conceptos básicos a ter en conta para levar a cabo unha adecuada selección dos residuos e correcto depósito destes nos recipientes dispostos nas vías públicas.

Novos escenarios
A campaña tamén chegará novamente aos centros educativos, dende a Primaria até a Universidade, alén de eventos de educación non formal como son os campamentos. Tamén chegará ás asociacións, tanto de consumidores como de veciños, amas de casa, hostaleiros, centros comerciais das diferentes cidades e centros penitenciarios.

Outra das novidades será a presenza en eventos deportivos de interese e con gran aforo (partidos de fútbol, de baloncesto, carreiras populares, Volta Ciclista, etc), toda vez que nestes consúmense importantes cantidades de produtos envasados, constituíndo un bo soporte para a realización de actividades de concienciación deste tipo. Dependendo do escenario, contarase igualmente cun zeppelin publicitario e un inchable para os pequenos no que estarán representados os colectores máis comúns.

Así mesmo, prevese levar a cabo reunións explicativas dirixidas aos técnicos e representantes municipais, aos que se dotará igualmente dunha guía didáctica de xestión de residuos municipais, dado o importante papel que estes desempeñan no día a día á hora de trasladar os coñecementos á veciñanza. Ademais de todo iso, programaranse visitas ao complexo medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña), para que os interesados poidan coñecer de cerca a súa actividade e comprobar por si mesmos que sucede co lixo tras ser depositada nos colectores amarelo e verde xenérico.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*