Consellos para unha xestión eficaz dos conflitos na familia

nenos_xogandoAutor: Patricio José Ruiz Lázaro. Pediatra. 

Os conflitos son inevitables; forman parte natural da vida familiar diaria. Son necesarios para o crecemento dos individuos e a profundización das relacións. Velaquí algúns consellos que poden ser útiles para xestionalos.

Actuar por principios

A eficacia da xestión dos conflitos na familia depende non tanto de que tipo de estratexias se utilizan, senón dos principios en que se sustentan; de modo que a efectividade non se resinte se se substitúen unhas estratexias por outras baseadas no mesmo principio. Os principios fundamentais a seguir son:

Economía. O complicado non funciona. Hai que utilizar procesos simples.

Eficacia. Un proceso é eficaz cando evita e/ou resolve problemas. Faise imprescindible realizar unha avaliación sistemática da eficacia de cada procedemento de resolución de conflitos que se aplique, substituíndo os rituais non eficaces aplicados mecanicamente por outros de maior operatividade.

Planificación. Se sabemos que van aparecer os mesmos conflitos de sempre, nos mesmos lugares de sempre e nos mesmos momentos de sempre, por que non planificar as actuacións con antelación? A planificación supón visualizar problemas e decidir intervencións coas características arriba enunciadas, antes de que os conflitos previsibles e xa coñecidos de antemán aparezan.

Posta en práctica dos procesos. Calquera plan ou proxecto, aínda que sexan modelos perfectos en teoría, non resultarán eficaces se non se pensa no xeito de introducilos, de levalos á práctica. Para que nunha familia se aplique eficazmente un procedemento de resolución de conflitos debe:

  • Ser coñecido e comprendido por todos os membros da familia.
  • Ser aceptado por todos, cun compromiso sincero para a súa aplicación coordinada. A utilidade e a simplicidade dos procesos son dous mecanismos poderosos á hora de convencer.
  • Ser valorado e revisado por todos para puír defectos e realizar axustes que melloren a súa efectividade.

Unificación de criterios

A aplicación de medidas comúns por parte dos pais e nais potencia a eficacia e o poder de ditas medidas; pola contra, a disparidade de criterios debilita a capacidade de influír sobre os fillos. Polo tanto, é crucial poñerse de acordo ambos proxenitores e comprometérense na decisión e aplicación de procedementos. Para iso, axuda a simplicidade das normas e medidas a aplicar, así como o curto número delas.

Espir os problemas: a firmeza relaxada

Os conflitos adoitan ir acompañados de circunstancias que os agravan e non son inherentes ao propio conflito, senón consecuencia da forma de afrontalo. O enfado explosivo do pai ou a nai, os berros e acusacións, a tensión ou os comentarios sarcásticos son algunhas das vestimentas que adoitan adornar as intervencións disciplinarias dos pais; agravan innecesariamente os conflitos, sen engadir nada positivo cara á súa resolución. Convén, pois, espir o problema e desposuílo, na medida do posible, de aditamentos emocionais, para afrontalo da forma máis relaxada e despersonalizada que poidamos, pois así facilítase unha solución efectiva e satisfactoria para todos. A firmeza non ten por que levar aparelladas tensión e reaccións encolerizadas, que adoitan reforzar as condutas que se queren inhibir, producindo resultados non desexados. A maioría dos conflitos entre pais e fillos derívanse dun choque de roles: un pai ou unha nai que obriga a realizar tarefas e un fillo que se sente obrigado e non acepta dita imposición, rebelándose. Non deberían ser xa que logo conflitos persoais, pero acábano parecendo, polas connotacións que os acompañan: berros, ameazas, enfados, crispación, etc. Se o pai ou a nai afronta os conflitos como algo persoal (o que é demasiado frecuente), entra na dinámica preferida dos fillos problemáticos, pois permítelles establecer unha pugna coa persoa que lles está obrigando a facer o que non queren facer.

Adoptar unha perspectiva proactiva

Unha perspectiva proactiva na xestión da convivencia familiar é a que intenta resolver os conflitos futuros aproveitando os conflitos actuais (“que debo facer para que non volva ocorrer?”), fronte a unha perspectiva reactiva, centrada en resolver os problemas pasados e saldar as contas (“isto merece un escarmento”, “isto non pode quedar así”). A perspectiva proactiva converte a resolución dun conflito actual en prevención dun conflito futuro. Por exemplo, aprazar unha medida disciplinaria vencellando a súa aplicación (ou non aplicación) a un cambio na conduta futura do fillo supón poñer o acento en cambiar condutas futuras do fillo, máis que en castigar polos feitos pasados.

Disciplina proactiva

Disciplina reactiva

Actúa a priori, anticípase aos problemas

Actúa a posteriori, segue aos problemas

Intenta resolver o futuro

Intenta resolver o pasado

Considera a orde como un medio para facilitar a aprendizaxe

Considera a orde como un fin en si mesmo

Busca construír a convivencia

Busca axustar contas, deixar saldos a cero

Ve os conflitos como unha ocasión

Ve os conflitos como un problema

Ve os conflitos como algo natural e positivo

Ve os conflitos como algo extraordinario e

negativo

“Isto paga a pena ser analizado para que non volva a acontecer”, “que debo facer para que non volva a suceder”

“Isto merece un castigo”, “isto merece un escarmento”, “isto non pode quedar así”

Usar as medidas punitivas como último recurso

As medidas punitivas (castigos), polos seus efectos secundarios negativos, deben ser o último recurso ao que acudir. Sempre serán preferibles intervencións encamiñadas a “enganchar” o fillo/a na dinámica familiar, e só cando as estratexias motiviacionais e instrucionais non dean resultado e a non intervención do pai ou a nai poida xerar males maiores, como o deterioro do clima familiar, deberíase pasar ao uso de medidas punitivas.

 

Este artigo é cortesía da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPAP)

 

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*