Fotógrafos da Natureza

Lars Andreasn Dybvik, gañador na categoría 'Forma e Composición' coa imaxe titulada "O baile"
Lars Andreasn Dybvik, gañador na categoría ‘Forma e Composición’ coa imaxe titulada “O baile”
Deica o 30 de setembro, no Aquarium Finisterrae.

Aínda estamos a tempo de pasar pola sala Isabel Castelo do Aquarium Finisterrae, na Coruña, onde permanece deica final do mes de setembro a exposición Fotógrafos da Natureza 2014, que contén as fotografías galardoadas na última edición do concurso GDT European Wildlife Photographer of the Year.

Entre os 72 fotógrafos premiados, orixinarios de 18 países, atópanse 13 españois. Un deles, Cristóbal Serrano, resultou gañador na categoría de mundo submarino por segundo ano consecutivo. Tamén foi premiada unha imaxe do fotógrafo de Bergondo (A Coruña) Luís Vilariño, na categoría de paisaxes.

A exposición recolle impresionantes imaxes que mostran a beleza do noso planeta e a importancia de preservala. Unha colección que inspira e alenta o interese por coñecer e defender a marabillosa natureza que nos rodea. Nesta edición do concurso presentáronse máis de 16.542 imaxes procedentes de 39 países europeos. O certame arrincou no ano 2000, promovido pola Asociación Alemá de Fotógrafos da Natureza (GDT). Desde entón, o desenvolvemento, prestixio e crecemento do concurso foi extraordinario, traspasando as fronteiras europeas e alcanzando renome mundial.

Outros dos premiados foron Alexander Mustard, Zoltán Gergely, Sven Zacek, Remo Savisaar, Stephan Amm, Samuel Pradetto, Britta Jaschinski e Lars Andreasn Dybvik, ao que pertence a fotografía que acompaña esta información, titulada “O baile”.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*