Os murmurios de bosque

takeshi_shikama_fragas_do_eumeTakeshi Shikama consagrou a súa vida a fotografar bosques. Exposición deica o 12 de outubro, no MAC, na Coruña.

Takeshi Shikama (1948) chegou tardíamente á fotografía tras unha sobresaínte carreira como deseñador. Para realizar este determinante cambio de traxectoria, foi necesario que se atopase nunha situación insospeitada. Canso do tumulto de Toquio, decidiu instalarse coa súa muller nunha casiña de madeira construída por el mesmo nas proximidades dun bosque situado a unhas dúas horas ao noreste da megalópole.

Tallar árbores impresionouno profundamente e permitiulle comprender unha ancestral crenza xaponesa: durante séculos venerouse ás árbores como divindades que contiñan o corazón e a alma dos humanos.

Desde entón Shikama consagrou a maior parte da súa vida a fotografar o bosque, os bosques, onde transporta e instala a súa pesada cámara de gran formato, deixándose guiar polos murmurios dun mundo fóra do mundo, o que el denomina “respiración silenciosa”.
Se durante moito tempo o seu país de orixe foi o seu territorio predilecto, posteriormente Shikama optou por ampliar o seu campo de investigación e dirixir a súa mirada non só aos parques naturais do oeste americano, xa se tratase de Yosemite ou os da costa do Pacífico, senón tamén á illa de Skye, na costa escocesa, ou aos seus “bosques urbanos”, como o Central Park en Nova York ou o Xardín de Luxemburgo, en pleno corazón de París.

Shikama nos bosques galegos
Invitado polo MAC, e no marco desta exposición, Shikama saíu en procura dalgunhas das paisaxes máis emblemáticas de Galicia, integrando as vistas dos bosques autóctonos e da Costa da Morte á súa obra.

Para Shikama a captura da imaxe é a fase inicial que conduce ao auténtico obxecto fotográfico e, por iso, concede unha importancia e un coidado particulares a todas as etapas do proceso que lle guiarán ata o resultado final. Ao optar pola cámara de gran formato, privilexia a riqueza de detalles que ofrece o negativo de gran formato e, do mesmo xeito, tamén prefire positivar en platino-paladio co fin de darlle corpo aos matices máis sutís rexistrados na película.

Levando cada vez máis lonxe a súa ansia de perfección e o seu desexo de conseguir unha harmonía ideal entre a imaxe e o seu soporte, recentemente realizou probas sobre un papel tradicional xaponés, o Gampi, que se fabrica de xeito artesanal e que el mesmo imprime con emulsión de platino. Os resultados son asombrosos: a imaxe final parece vibrar en suspensión, profunda e, pradoxalmente, infinitamente lixeira.

Por moitos aspectos, a obra de Takeshi Shikama é atemporal e consegue reunir Oriente e Occidente. Impregnadas da tradición pictórica de Extremo Oriente, as súas imaxes transmiten serenidade e convidan á contemplación, e á meditación, á vez que fan referencia constante á historia da fotografía paisaxística europea e norteamericana, en particular á dos pioneros do século XIX, de Carleton Watkins a Eadweard Muybridge, pasando por Roger Fenton, Charles Nègre e ata Eugène Atget.

Exposición deica o 12 de outubro, no Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa (MAC), na Coruña.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*