Xornadas de Setembro 2014 da AS-PG

as-pgAo longo do mes de setembro teñen lugar en varias localidades os habituais encontros pedagóxicos da Asociación Socio-Pedagóxica Galega.

“Como contar o patrimonio: narrativas para a divulgación histórica”, relatorio a cargo de Manuel Gago, profesor da USC, será un dos obradoiros das xornadas que este mes de setembro organiza A AS-PG, neste caso nas da Coruña, onde se falará dun dos grandes desafíos en relación ao patrimonio cultural: mellorar as técnicas de comunicación e divulgación da Historia e do patrimonio cultural e a través da análise de exemplos galegos e internacionais, coñeceremos métodos e técnicas para difundir mellor o patrimonio cultural a diferentes tipos de colectivos. No mesmo evento, transcorrerá a conferencia “Patrimonio de Bergantiños e a Costa da Morte”, a cargo de Luís Giadás Álvarez, profesor de Ensino Secundario. Os roteiros e saídas escolares como recurso con valor educativo de primeira orde: O ensino dende a propia realidade e a observación directa. Unha proposta para preservar, conservar e difundir o noso patrimonio cultural, natural e paisaxístico dende as aulas. Será entre o 26 e o 27 de setembro.

E esta mesma semana comezan as xornadas en Ferrol, cos relatorios “As competencias clave”, por Manuel Losada Cabanas, doutor en Químicas e actual director do CFR de Ferrol, Coordinador autonómico do Proxecto COMBAS. No mesmo día, a continuación: “Palabras para a lingua”.Por Antón Cortizas. Escritor e mestre no IES de Canido en Ferrol.

Os días 22 e 23 de setembro serán as xornadas de Lugo, que neste ano estarán vencelladas aos Primeiros Auxilios. Ao finalizar o curso os/as participantes estarán capacitados/as para enfrontarse a calquera situación de emerxencia médica e aplicar as técnicas básicas para manter con vida a unha persoa ata a chegada dos servizos de asistencia extrahospitalaria especializados. Tamén en promover a educación sanitaria en todos os sectores, xa que unha poboación con coñecementos en socorrismo e primeiros auxilios conseguiría reducir considerabelmente o índice de mortalidade e morbilidade, así como o gasto sanitario actual.

En Pontevedra e Santiago, o obxectivo será coñecer distintos contornos da comarca e descubrir a súa aplicación na aula. Adquirir ferramentas de traballo partindo das posibilidades que nos ofrece o medio. Sensibilizar ao profesorado da importancia do medio ambiente. E coñecer o valor das saídas escolares como recurso didáctico.

E en Vigo o lema escollido é “Descrubrir a contorna”: Da arquitectura neoclásica á racionalista en Vigo e vilas da bisbarra. Achegar contidos e procedementos que permitan coñecer os estilos do periodo contemporáneo que posibiliten preparar itinerarios e diversos materiais didácticos para acercar ao alumnado á comprensión dos valores do patrimonio arquitectónico local. Coñecer os principais proxectos urbanísticos que incidiron na conformación do ensanche da cidade de Vigo e no desenvolvemento dalgunhas vilas da bisbarra. Espertar o interese polo coñecemento da singularidade da presenza dalgúns estilos ao quedar peneirados pola tradición granítica.

Os programas completos están na web da AS-PG. Velaquí as datas:

XXXVII XORNADAS DO ENSINO DA CORUÑA
Do 26 ao 27 de setembro.

XXIII ENCONTROS PEDAGÓXICOS DE FERROLTERRA
Do 15 ao 19 de setembro

XXIIII ENCONTROS PEDAGÓXICOS DE SANTIAGO
Do 22 ao 25 de setembro.

PRIMEIROS AUXILIOS NO ENSINO, LUGO
Do 22 ao 25 de setembro

XIX ENCONTROS PEDAGÓXICOS DE OURENSE
Do 11 de setembro ao 2 de outubro.

XXVI SEMANA DE EDUCACIÓN DE PONTEVEDRA
Do 22 ao 26 de setembro

XXXVIII XORNADAS DO ENSINO DE VIGO
Do 15 ao 19 de setembro

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*