A poboación mundial alcanzará os 11.000 millóns en 2100

Unha estimación que aumenta en 2 mil millóns a anterior. África cuadruplicará habitantes neste período.

Unha investigación da Universidade de Washington e a ONU prevé que a poboación mundial alcance os 11.000 millóns en 2100, 2.000 millóns máis do que se estimou previamente. O estudo tamén destaca que o incremento concentrarase en gran medida no continente africano, que cuadruplicará o número de habitantes neste período.

Un equipo de demógrafos e expertos en estatística da ONU e a Universidade de Washington utilizou as últimas ferramentas de estatística para elaborar un estudo no que se afirma que a poboación mundial non só non se estancará, senón que medrará deica os 11.000 millóns a finais deste século.

Esta cifra supón 2.000 millóns de habitantes máis que o que se calculou en estudos previos, segundo se asegura neste traballo, que se publica no último número de Science.

“O consenso entre os expertos durante os últimos vinte anos era que a poboación mundial, que agora é de 7.000 millóns de habitantes, alcanzaría os 9.000 millóns e logo se estabilizaría ou probablemente entraría en declive”, explica Adrian Raftery, profesor de estatística e socioloxía da Universidade de Washington e un dos autores do estudo.

Con todo, engade: “Atopamos que hai un 70% de probabilidade de que a poboación non se estabilice neste século”.

O estudo analiza os datos máis recentes de poboación de Nacións Unidas publicados en xullo. “Este é o primeiro informe de poboación da ONU que utiliza a estatística moderna, coñecida como a estatística bayesiana, que combina toda a información dispoñible para xerar mellores prognósticos”, di Raftery .

Os investigadores estiman que a maior parte do crecemento previsto provirá de África, cuxa poboación se cuadruplicará, pasando de 1.000 millóns a 4.000 ao final deste século.

Fertilidade e redución do VIH en África

Segundo Patrick Gerland, demógrafo da ONU e autor principal, isto deberase á alta fertilidade das mulleres africanas, cun promedio de 4,6 fillos por familia, e a redución da mortalidade polo VIH.

Noutras rexións, o crecemento será menos drástico. Asia, que agora ten 4.400 millóns de habitantes, alcanzará os 5.000 millóns en 2050 e a partir dese momento entrará en retroceso. En zonas como Norteamérica, Europa, Latinoamérica e o Caribe quedaranse por baixo dos 1.000 millóns de habitantes cada unha.

As cifras apoian amplamente as previsións de 2013 da ONU, pero engaden unha nova dimensión, segundo Gerland.

“As estimacións previas a este estudo baseábanse estritamente en escenarios, así que non había incerteza”, engade o demógrafo. Na súa opinión, o novo traballo proporciona unha valoración máis centrada en estatísticas o que permite cuantificar as predicións, e ofrecer unha plataforma de confianza que podería ser útil para a planificación.

As predicións demográficas mundiais baséanse principalmente en dúas cousas: as taxas futuras de esperanza de vida e de fertilidade. Técnicas previas baseáronse en gran medida na opinión de expertos para prever como ían cambiar esas tendencias.

Cambio climático e enfermidades

En cambio, o estudo que se publica agora en Science usou as últimas ferramentas estatísticas en combinación con datos gobernamentais e previsións de expertos para determinar cuestións como taxas de mortalidade, de fecundidade e migracións internacionais.

“Este traballo combina a investigación dos últimos sete anos e tamén engade datos recentes”, sinala Adrian Raftery. “Podemos responder preguntas sobre o futuro crecemento da poboación utilizando os principios estándar da inferencia estatística, o que nunca se fixo antes”.

O aumento de poboación podería actuar para exacerbar outros problemas mundiais, como o cambio climático, as enfermidades infecciosas e a pobreza, engade o experto. Por iso, recomenda un maior acceso á educación e aos anticonceptivos para mozas e mulleres.

Referencia bibliográfica:

Patrick Gerland et al. “World population stabilization unlikely this century”. Science, 18 de setembro de 2014

Fonte: Axencia SINC

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*