‘Abita, sobre os nenos de Fukushima’

Poética e premiada curtametraxe animada baseada na zona xaponesa afectada polo accidente nuclear.

abita_filmDous mozos alemáns, Shoko Hara, nacida en Okayama (Xapón) e Paul Brenner, oriundo de Tübingen, asinan este emotivo traballo audiovisual. No seu momento foi elaborado como simple exercicio final dos seus estudos de deseño e animación, pero a súa calidade outorgoulle diversos recoñecementos en todo o mundo. É o caso do premio ao mellor filme no Uranium Film Festival, creado precisamente ao fío do accidente nuclear ocorrido en Xapón en 2011. ‘Abita’ é un exercicio poético visual sobre a vida das nenas e nenos que en Fukushima non poden xogar no exterior debido aos riscos de radiación. Con sutil ilustración e movementos, a curtametraxe evoca os soños e realidades destes nenos e nenas.

Sobre este traballo cinematográfico, Shoko Hara relata que a libélula que aparece na curta trata de representar coa súa forma a illa xaponesa. A libélula representada na película é tamén un popular símbolo en Xapón que a miúdo foi usada en artes, poesía e literatura.

“A libélula á vez simboliza a esperanza, as perspectivas, soños e enerxía en Xapón. E une os elementos naturais como a auga, a terra e o aire, destruídos xunto coas perspectivas de futuro desta infancia co accidente. Ademais, estes insectos considéranse en Xapón portadores de fertilidade”, explica. Dalgún modo representarían o mundo interior duns nenos que queren ser libres na natureza pero aos que se lles obstaculiza este anhelo.


 

Para ampliar:

  • Sobre o accidente nuclear en Fukushima

 

  • Uranium Film Festival
COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*