A educación e os anticonceptivos gratuítos reducen a taxa de embarazos adolescentes

A educación sexual prevén os embarazos non desexados en adolescentes / Imaxe: Fotolia
A educación sexual prevén os embarazos non desexados en adolescentes / Imaxe: Fotolia
Un estudo subliña a importancia de ofrecer educación sexual e planificación familiar gratuíta.

Un traballo publicado no New England Journal of Medicine afirma que as adolescentes que reciben educación sexual e anticonceptivos de forma gratuíta corren menor risco de sufrir embarazos non desexados ou tomar a decisión de abortar. O estudo promoveu especialmente o uso de métodos de acción prolongada, como os dispositivos intrauterinos (DIU) e os implantes subdérmicos.

“Se eliminamos a falta de información, o custo e o acceso limitado aos métodos de control de natalidade en adolescentes reducimos as taxas de embarazo, nacemento e aborto”, indica Gina Secura, autora principal do estudo e directora do Proxecto Anticonceptivo CHOICE, con sé en St. Louis (EUA). Ofrecer educación sexual e planificación familiar gratuíta a adolescentes é segundo este informe unha clave estratéxica fundamental para diminuír o número de abortos e de embarazos non desexados. A investigación foi realizada con 1.404 mozos estadounidenses e publicada no New England Journal of Medicine.

O estudo promoveu o uso de métodos de acción prolongada, como os dispositivos intrauterinos (DIU) e os implantes subdérmicos, debido á súa maior eficacia na prevención de embarazos non desexados.

Así, un 72% das participantes optou por este tipo de anticonceptivos, superando amplamente o promedio dos EUA. Como resultado deste estudo, as integrantes do proxecto sufriron embarazos non desexados ou abortos nun 3,4%, fronte á media no resto do país de 15,85 %.

Ademais, o DIU e os implantes tiveron a menor taxa de abandono durante os dous ou tres anos nos que a paciente formaba parte do proxecto. “Sorprendeunos o número de adolescentes que, tras elixir estes métodos, continuaron usándoos”, expoñen os autores.

Os anticonceptivos de longa duración non protexen contra as enfermidades de transmisión sexual, polo que CHOICE seguía unha dobre estratexia de prevención, segundo explica Secura a Sinc: “Ofrecemos preservativos de balde – o único método que prevén as enfermidades – a todas as adolescentes durante a participación no estudo e aconsellámoslles sobre o seu uso”.

A mostra do traballo incluía a mozas de entre 15 e 19 anos, a metade das cales tiveran previamente un embarazo non desexado e un 17% sufriran un aborto. “O Proxecto CHOICE non incluíu a homes aínda que son unha parte importante de calquera estratexia para reducir a taxa de embarazos adolescentes”, engade a autora.

Educar para previr e aforrar

Os resultados apoian un estudo previo que concluía que os controis de natalidade gratuítos eran a clave para evitar embarazos non desexados. Segundo afirman os autores, a gratuidade deste servizo veríase recompensada polo aforro en asistencia pública ás mulleres embarazadas.

“Ademais dos problemas sociais e de saúde que sofren a nai adolescente e os seus fillos, o seu tratamento e a perda de ingresos cústanlle millóns ás arcas públicas”, subliñan. Para os autores, os resultados demostran que a educación pode frear este problema.

Os Centros de Control e Prevención de Enfermidades clasificaron o embarazo adolescente como unha das seis Winnable Battles (batallas posibles de gañar). O obxectivo WB para 2015 é reducir a taxa de natalidade entre adolescentes nun 20%.

Para Secura, o feito de informar ás adolescentes de todas as súas opcións anticonceptivas capacítalles para tomar mellores decisións con respecto á súa sexualidade.

“Oímos continuamente que era a primeira vez que alguén se sentaba a explicarlles todos os métodos dun modo que os puidesen entender. As adolescentes poden tomar boas decisións cando están informadas e teñen o apoio das súas familias ou doutros adultos de confianza”, conclúe.

Referencia bibliográfica:
Secura GM, Madden T, McNicholas C, Mullersman J, Buckel CM, Zhao Q and Peipert JF. Provision of no-cost, long-acting contraception and teenage pregnancy. New England Journal of Medicine. Oct. 2, 2104.

FONTE: SINC

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*