Voluntariado os días 10, 11 e 12 de outubro.
A iniciativa de Adega Charcas con Vida convoca xunto co Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia un campo de voluntariado ambiental que se celebrará os días 10, 11 e 12 de outubro. O lugar escollido para esta nova actuación é a illa de Sálvora no Parque Nacional Marítimo Terrestre.
No Parque Nacional podemos atopar tres especies de anfibios o pintafontes (Lissotriton boscai), o sapiño pinto (Discoglosus galgonai), e a píntega común (Salamandra salamandra), poboacións todas elas de especial interese, catalogadas como vulnerables, e que contan con diferenzas significativas con respecto ás poboacións costeiras e peninsulares. Na illa de Sálvora atópanse só dúas especies: o sapiño pinto e o pintafontes.
O Parque ten unha boa cantidade de auga doce sobre todo en anos chuviosos, con regatos e charcas que son o hábitat ideal para estas especies de anfibios. Xa se teñen realizado tarefas de recuperación e de valado para evitar que os cabalos danen as charcas, polo que o voluntariado proseguirá con estas actividades de acondicionamento.
A actividade é gratuíta. O voluntariado contará con seguro de accidentes, terá cuberto os gastos da comida e transporte en barco ata a illa. A durmida será no albergue e será preciso levar saco de durmir.
Para participar é preciso inscribirse nos tlfs: 981 57 00 99 ou no 669 80 69 08; tamén por correo electrónico: lucia@adega.info
Máis información
http://adega.info/web/axenda.php?id=156&idioma=gl&sec=12
Charcas con Vida
http://www.charcasconvida.org/