
Un equipo de científicos do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana publicou un traballo na revista Journal of Human Evolution no que se establece que os neandertais entre 3 e 6 anos tiñan menores taxas metabólicas basais e de crecemento que os nenos actuais.
Acábase de publicar na revista científica Journal of Human Evolution un estudo pioneiro liderado por Ana Mateos, responsable do Grupo de Paleofisioloxía do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH), sobre os requirimentos enerxéticos necesarios para que un neandertal medrase durante a infancia e a nenez.
Neste estudo modelizouse a enerxía destinada ao crecemento en peso e en altura dos nenos neandertais desde o nacemento ata os 6 anos. É a primeira vez que se obteñen resultados deste tipo en neandertais subadultos, xa que ata o momento, só se estimaran as necesidades enerxéticas que poderían ter os neandertais adultos, aparentemente superiores ás do Homo sapiens.
“A partir da modelización do crecemento en estatura e peso, calculáronse algunhas taxas metabólicas para os nenos neandertais, como a taxa metabólica basal, o gasto enerxético total diario e a enerxía depositada nos tecidos durante o crecemento”, explica Ana Mateos.
Os resultados mostran que os neandertais entre 3 e 6 anos tiñan menores taxas metabólicas basais e de crecemento que os nenos actuais, en parte debido á súa menor masa corporal e ao seu crecemento máis lento.
“A menor cantidade de enerxía que destinaban os neandertais a medrar probablemente poida explicarse como resultado doutras adaptacións metabólicas debidas a factores somáticos e ao gran estrés térmico que sufrirían os nenos, xa que a súa capacidade de termorregulación sería menor que a dos adultos”, sinala Ana Mateos.
Este traballo titulado “Neandertal growth: What are the costs?” conta ademais coa colaboración do Grupo de Paleoecoloxía do CENIEH, liderado polo Jesús Rodríguez e o Laboratory for Human Biology Research da Northwestern University (EE.UU), dirixido por William R. Leonard.
Fonte: Axencia SINC