
A Axencia Espacial Europea lanza unha campaña para bautizar o emprazamento de Rosetta
A Axencia Espacial Europea (ESA), conxuntamente co centro Aeroespacial Alemán (DLR), o Centro Nacional de Estudos Espaciais Francés (CNES) e a Axencia Espacial Italiana (ASI) promoven unha campaña para bautizar a rexión do cometa 67P/Churyumov-Gerasimenko na que aterrará o módulo Philae o próximo día 12 de novembro.
O lugar ata agora coñecido como “J” pasará á historia como o emprazamento da primeira aterraxe suave dun obxecto artificial sobre a superficie dun cometa, e por este motivo, a campaña busca un nome que reflicta adecuadamente a relevancia do acontecemento.
As normas son moi sinxelas: pódese propoñer calquera nome, sempre que non sexa un nome propio. Cada proposta debe estar acompañada por unha breve descrición (máximo 200 palabras) na que se explique por que sería a ideal para designar o emprazamento.
Un xurado formado polos membros do Comité Directivo de Philae seleccionará un nome de entre todas as propostas, e o seu autor poderá seguir en directo a aterraxe da sonda europea desde o centro de control da ESA en Darmstadt, Alemaña, o 12 de novembro.
O prazo para enviar propostas pecharase o día 22 de outubro ás 23:59 GMT. O nome do gañador anunciarase o 3 de novembro a través da páxina web da misión Rosetta, e nas páxinas web e nas redes sociais da ESA, o DLR, o CNES e ASI.
Cada unha das axencias involucradas na misión Rosetta organiza a súa propia competición, pero as propostas consideraranse de forma conxunta e seleccionarase un único gañador para participar no evento que se celebrará en Darmstadt.
As bases da competición están dispoñibles aquí.