Un vocabulario rico protexe fronte ao deterioro cognitivo

Os resultados mostraron maior prevalencia de deterioro cognitivo lixeiro naqueles participantes que obtiveron unha menor puntuación de nivel de vocabulario
Os resultados mostraron maior prevalencia de deterioro cognitivo lixeiro naqueles participantes que obtiveron unha menor puntuación de nivel de vocabulario / Imaxe: SINC

Algunhas persoas sofren demencia incipiente a medida que van cumprindo anos. Para emendar dita perda, a reserva cognitiva do cerebro ponse a proba.

Investigadores da Universidade de Santiago de Compostela estudaron que indicadores inflúen en mellorar esta habilidade e conclúen que ter máis vocabulario é un deles.

Denomínase reserva cognitiva á capacidade que ten o cerebro de compensar a perda das súas funcións. Esta reserva non se pode medir directamente, senón que se calcula a través de indicadores que se considera que aumentan dita capacidade.

Unha investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) estudou como inflúe ter un amplo vocabulario na reserva cognitiva das persoas maiores.

“Centrámonos no nivel de vocabulario, tendo en conta que se considera un indicador da intelixencia cristalizada [o uso das habilidades intelectuais xa aprendidas]. O que pretendiamos era profundar na súa relación coa reserva cognitiva”, declara a Sinc a ivnestigadora Cristina Lojo Seoane, da USC, coautora do traballo que publica a revista Anales de Psicología.

O equipo de investigación seleccionou unha mostra de 326 persoas maiores de 50 anos sans – 222 individuos – e con deterioro cognitivo lixeiro – 104 individuos. Posteriormente mediron o seu nivel de vocabulario, xunto con outras medidas como os anos de escolarización, a complexidade laboral e os hábitos de lectura.

Así mesmo, analizaron as puntuacións obtidas nas diferentes probas, como o subtest de vocabulario Escala Wechsler de Intelixencia para Adultos (WAIS, polas súas siglas en inglés) e o test de vocabulario de imaxes Peabody.

“Cunha análise de regresión, calculamos a probabilidade de que houbese deterioro en función do nivel de vocabulario que tiñan os participantes”, asegura Lojo Seoane.

Os resultados mostraron maior prevalencia de deterioro cognitivo lixeiro naqueles participantes que obtiveron unha menor puntuación de nivel de vocabulario.

“Isto levounos a concluír que un maior nivel de vocabulario, como medida de reserva cognitiva, pode ser protectora fronte ao deterioro cognitivo”, conclúe a investigadora.

Referencia bibliográfica:
Cristina Lojo-Seoane, David Facal, Onésimo Juncos-Rabadán y Arturo X. Pereiro. “El nivel de vocabulario como indicador de reserva cognitiva en la evaluación del deterioro cognitivo ligero”, Anales de psicología 30 (3): 1115-1121, octubre de 2014. 

 

FONTE: Axencia SINC

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*