
Significativos resultados do experimento dunha mestra italiana.
Nenos e nenas de terceiro de Primaria da cidade italiana de Lucca, na Toscana, foron os afortunados protagonistas deste experimento. Durante un ano a clase botou man dos manuais de matemáticas que habitualmente usan os nenos e nenas da súa mesma idade en Finlandia. E… sorpresa, o alumnado quere seguir cos libros este ano… parece ser que as mates se converteron na súa materia favorita…
A historia, que nos chega á redacción vía correo electrónico logo de circular polas redes sociais, onde a miúdo son comentados os datos sobre as boas prácticas educativas finlandesas, pode atoparse no diario finlandés da canle televisiva nórdica Yle Uutiset.
“Podes imaxinalo? Tiven que prohibirlles estudar mates nas vacacións de verán e sacar tempo para traducir o libro para este próximo curso. Os estudantes xa querían estudar cos seus novos libros durante o verán”, conta a profesora que conduciu o experimento, Patrizia Piccinini.
Segundo relata, os rapaces tolearon coas mates logo de recorrer ao manual finlandés. A idea xurdira logo de oír sobre os excelentes resultados académicos dos alumnos e alumnas finlandeses. Ela non pensou que o idioma fóra a supoñer un problema, tendo en conta que os números e símbolos eran protagonistas e levou á aula os libros orixinais, sen sequera traducilos.
As diferenzas da proposta finlandesa
“Os materiais de aprendizaxe finlandeses están baseados na propia habilidade para razoar dos nenos e nenas. Moitos exercicios consisten só en imaxes, e os alumnos teñen eles mesmos que pescudar a natureza do problema a ser resolto”, explica Piccinini, contrapoñendo este método ao italiano baseado na aprendizaxe en táboas de suma, resta e multiplicación en libros cheos de texto que “non estimula nin anima aos nenos e nenas a perseguir o seu razoamento e dedución independente”.
O experimento tivo un resultado claro: o alumnado desta mestra supera en moito a outros grupos da mesma idade na súa destreza mental coa aritmética e o razoamento lóxico. Máis aínda, o alumnado non só mellorou extraordinariamente en matemáticas, senón que tamén mellorou nas súas habilidades de comprensión lectora e de concentración.
Os resultados acalan as críticas
O experimento non foi ao principio comprendido pola comunidade educativa de Lucca. Segundo explica a mestra promotora, os nenos e nenas estaban seducidos por aquela linguaxe estraña e exótica, o finlandés, e o propio coñecemento de máis cousas acerca da cultura finlandesa converteuse nunha demanda do alumnado. “Quitábanme das mans revistas e información sobre Finlandia”, explica.
Os pais e nais, excépticos ao principio, cambiaron de idea en canto os resultados na área de matemáticas se notaron claramente nos seus fillos e fillas. Pero aínda tiñan outra preocupación e reprochábanlle á mestra que perdese tanto tempo cun idioma tan afastado e pouco usado como o finés, do cal o seu alumnado comezaba a manexar algunhas ducias de palabras, podendo empregar ese tempo en estudar inglés…
Pero unha nova “sorpresa” pedagóxica evidenciouse e o alumnado desta clase demostrou que a práctica coa lingua nórdica melloraba a capacidade de aprendizaxe doutras linguas do alumnado, obviamente tamén o inglés, que era a preocupación dos proxenitores.
Fonte: http://yle.fi/uutiset/pupils_in_italy_excel_after_using_finnish_maths_book/7527106