Así podería cambiar a educación dentro de quince anos

wise_forumExpertos de todo o mundo fan prognóstico de evolución cara a 2030.

Tivo lugar en datas recentes en Doha, Qatar, o World Innovation Summit for Education (WISE). Como parte desta cita, os seus promotores entrevistaron ducias de expertos en todo o mundo para elaborar un mapa de como podería ser a educación en 2030. Este é o resumo das principais conclusións e segundo a maioría desas opinións, o escenario cara ao que camiñamos, non exento de polémicas. E vos que opinades?

  • A innovación e a creatividade terá un peso crecente. Escolas e profesorado farán cada vez máis esforzos pola introdución de practicas innovadoras. Pero ollo, iso non significa que innovación implique necesariamente novas tecnoloxías…
  • Os contidos na rede gañan peso como fonte de coñecemento. Isto ten valores positivos: fundamentalmente, permite chegar a un gran número de xente a cuestións que doutro xeito permanecerían inaccesibles. Pero tamén implicacións negativas: a experiencia educativa pode ser máis pobre se non está enriquecida por outros factores e axudas.
  • As habilidades e capacidades persoais gañarán peso na valoración do rendemento do alumnado. Tanto a nivel de recursos persoais de cada individuo como de capacidade de relación e traballo en equipo. A experiencia práctica acumulada por cada persoa na súa traxectoria persoal tamén terá un peso crecente. Así, o balance desas habilidades e desa experiencia práctica será máis importante que ata o de agora fronte ao estrito coñecemento académico.
  • De forma paralela ás certificacións académicas e avaliacións tradicionais xurdirán novos modelos de certificación que irán gañando peso progresivamente arredor de habilidades e experiencias concretas de cada persoa na súa vida académica e profesional.
  • O concepto de formación continua gañará cada vez máis importancia. A reciclaxe de coñecementos e a adaptación a novos desafíos implicará cada vez unha maior atención das persoas a esa necesidade de que a educación dun modo ou outro impregne máis as nosas vidas a cada paso.
  • Os docentes non perderán peso no proceso, pero si irá modificándose o seu rol, pasando a gañar peso o seu papel como guías e mentores nun contexto de aprendizaxe máis diversa onde esa función guía será crecentemente importante.
  • A aprendizaxe será cada vez máis individualizada. Os itinerarios de aprendizaxe persoais e os modelos que os faciliten serán progresivamente máis habituais.
  • O inglés como lingua “global” gañará peso nos procesos educativos.
  • O sector público perderá peso no novo contexto. A necesidade de controlar e atopar o equilibrio entre o público e o privado será un desafío crecente.

A web do Wise Forum

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*