Encontran novos xenes implicados no autismo

usc_anxo_carracedoO equipo de Anxo Carracedo na USC participou no maior traballo realizado ata a data sobre o tema.

O maior traballo xamais realizado sobre o autismo desde o punto de vista xenético permite aumentar de forma extraordinaria, segundo os seus promotores, a lista de xenes relacionados co trastorno do espectro autista (TEA). O estudo aumenta o número dos xenes relacionados con esta síndrome a 33, dos que ata agora só se coñecían 9, ademais de ter identificados outros 74 que probablemente tamén están implicados.

Explican os investigadores que cada un destes xenes está mutado en máis do 5% dos pacientes con autismo, “o que significa unha relativamente importante contribución ao risco de padecer o trastorno”. En total, analizouse todo o ADN codificante do xenoma (exoma) en máis de 15.000 mostras de pais, nenos afectados e individuos sans non relacionados.

O desenvolvemento do estudo asumiuno un equipo internacional de 37 institucións liderado por Joseph D. Buxbaum, do Hospital Mount Sinai (EE UU). A participación española concéntrase nos grupos liderados por Anxo Carracedo, profesor da Universidade de Santiago (USC), e no de Mara Paralleda, do Hospital Gregorio Marañón de Madrid.

“Creo que é o estudo máis importante no que participamos ata a data, xunto co da esquizofrenia, pero aínda queda moito por facer”, asegura Carracedo. Os investigadores secuenciaron o exoma e analizaron datos de 3.871 casos de autismo, 2.270 conxuntos de nais, pais e fillos afectados e mostras de control adicionais compilados polo Autism Sequencing Consortium (ASC).

Na análise dos datos puideron apreciar cambios herdados e moitos outros que suceden espontaneamente nos fillos e fillas. Os autores tamén comprobaron que mentres que diferenzas xenéticas raras e moi pequenas en 103 xenes confiren un risco relativamente grande de autismo, moitos outros cambios noutros xenes engaden unha cantidade menor de risco.

Rutas de risco

O traballo, recollido no último número de Nature, sinala tres rutas nas que mutacións en xenes confiren risco de autismo. Carracedo mostra a súa sorpresa porque “unha desas rutas é a que controla o remodelado da cromatina”, no proceso de organización do material xenético dentro do núcleo das células, o ADN forma un complexo cunhas proteínas chamadas histonas (o que acaba formando a cromatina).

Outra das rutas que estarían ligadas ao TEA son os xenes que gobernan a sinapses, os espazos entre células nerviosas, e un terceiro sería o daqueles que regulan as etapas básicas que transforman os xenes en proteínas.

Segundo este novo traballo, as alteracións nos xenes que causan unha enfermidade poden ser herdados ou aparecer por primeira vez nos fillos (mutacións de novo), aínda que tamén poden orixinar unha perda de función da proteína que codifican ou producir cambios máis pequenos.

Os estudos anteriores de autismo centráronse só en mutacións de novo que orixinan perda de función, pero aquí analizáronse todas “grazas a un gran esforzo de análise bioinformático que permitiu ver que as mutacións máis sutís contribúen de forma moi importante ao autismo”.

O estudo tamén permitiu comparar diferenzas entre persoas de distinto sexo, xa que a xenética feminina “protexe dalgunha forma” ás mulleres para padecer TEA. Ademais, supuxo consecuencias importantes para o diagnóstico xenético, xa que coa análise dos xenes descubertos ou de todo o exoma poderanse diagnosticar moitos máis e realizar un asesoramento xenético aos pais.

Synaptic, transcriptional and chromatin xenes disrupted in autism. Nature, 30 de outubro de 2014.
http://www.nature.com/nature/journal/vaop/ncurrent/full/nature13772.html

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*