Os pés dos nenos e as nenas diferéncianse entre os 8 e os 10 anos

O calzado utilízase para protexer o pé e debe proporcionar un bo axuste, xa que existe unha relación directa entre un zapato adecuado e o nivel de confort.

Imaxe: Flickr Ano Lobb
Imaxe: Flickr Ano Lobb

Investigadores da Universidad de Castilla-La Mancha analizaron as características dos pés de homes e mulleres. Os resultados poden ser utilizados polos fabricantes de calzado no deseño de hormas adaptadas ás medidas dos nenos e nenas en función do sexo e a idade.

Para iso, os expertos analizaron as discrepancias na morfoloxía do pé nunha mostra de escolares españois (6-12 anos) e detectaron en que momento se produce a diferenciación entre os pés de nenos e nenas. As conclusións publícanse na revista Ergonomics.

“Hai unha falta de datos sobre a morfoloxía do pé dos escolares españois”, explica a Sinc Luís Alegre Durán, investigador principal do traballo. “As idades nas que aparecían a maioría das diferenzas foron dos 8 aos 10 anos. Isto suxire que é a partir dese período cando os pés de ambos comezan a desenvolverse con trazos distintivos do seu sexo”.

A importancia dun zapato axeitado

En canto á comparación entre a talla real do zapato e a talla estimada, os autores afirman que as nenas levan un calzado lixeiramente máis pequeno do que lles corresponde, probablemente para mellorar o axuste na anchura. De media, o pé dos escolares avaliados aumentaba a súa lonxitude o equivalente a un número ao ano.

Ademais, o calzado mal axustado pode causar deformidades na vida adulta. Actualmente, o procedemento xeral que se utiliza para deseñar zapatos para os nenos é de escala lineal a partir de moldes tomados de pés adultos.

Con todo, as proporcións dos pés dos nenos non se corresponden coas dos adultos, o que pode ocasionar que o calzado non se adapte de xeito óptimo.

Referencia bibliográfica:

Delgado-Abellán L, Aguado X, Jiménez-Ormeño E, Mecerreyes L, Alegre LM. “Foot morphology in Spanish school children according to sex and age”. Ergonomics. 2014;57(5):787-97. doi: 10.1080/00140139.2014.895055. Epub 2014 Mar 21.

Este traballo foi parcialmente financiado polos fondos FEDER da Unión Europea e pola Consellería de Educación, Cultura e Deportes da Junta de Comunidades de Castilla-La Mancha. Tamén recibiu soporte técnico do Instituto Tecnolóxico do Calzado (INESCOP, Elda, Alacante).

Fonte: Axencia SINC

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*