Cuarta edición do concurso escolar ‘Os Profes Contan’

profes_cuentan_ecoembesIniciativa de Ecoembes para premiar a transmisión de valores ambientais.

Ecoembes, a organización que coida do medio ambiente a través da reciclaxe e o ecodiseño dos envases domésticos a nivel estatal, convoca unha nova edición do concurso escolar “Os Profes Contan”.

Esta iniciativa naceu hai catro anos e ten o obxectivo de recoñecer, a través da literatura, o labor que desempeñan os profesores de Educación Primaria na transmisión de valores de respecto e coidado ao medio ambiente aos máis pequenos. Para participar neste concurso, os profesores teñen que escribir un relato de entre 400 e 800 palabras sobre reciclaxe, e o alumnado será o encargado de ilustralo con polo menos tres debuxos. Os traballos pódense enviar a través do blog www.amarilloverdeyazul.com e o prazo estará aberto ata o próximo 29 de xaneiro.

O xurado, presidido pola escritora e xornalista Rosa Montero e composto por María Jesús Rodríguez, directora de Comunicación de Aldeas Infantiles SOS; Clara Navío, presidenta da Asociación de Periodistas de Información Ambiental (APIA); José Luís Gallego, xornalista e divulgador ambiental; e Antonio Barrón, director de Comunicación Corporativa e Marketing de Ecoembes; encargarase de seleccionar os dez finalistas, que se levarán un ebook de agasallo.

Libro colectivo

Estes contos recolleranse no libro “Historias de colaboración. 10 contos inspirados na natureza” que se poñerá á venda por internet e as súas ganancias destinaranse integramente a proxectos da organización Aldeas Infantiles SOS. Ademais, estes dez contos serán sometidos a votación popular no blog Amarelo, verde e azul e, entre eles, elixirase a un como Gran Gañador. Os autores deste relato terán un premio especial que consistirá en ver a súa historia adaptada nunha curtametraxe de animación e nunha estancia nun parque infantil para o docente e toda a clase.

O certame “Os Profes Contan”, ao longo das súas anteriores tres primeiras edicións, recibiu máis de 300 contos e contou no seu xurado con autores da literatura española tan importantes como Ana María Matute, Roser Capdevila, Carmen Posadas, Antonio Fraguas (Forges) ou Almudena Grandes. “Os nenos serán os responsables de coidar do noso planeta nun futuro e que mellor xeito de que o fagan que educándoos desde que son pequenos a respectar a natureza e inculcarlles hábitos como a reciclaxe. Este concurso serve para premiar o profesorado que se esforza por incluír a educación ambiental nas aulas e os nenos e nenas que xa están poñendo en marcha estas iniciativas, pero tamén para animar a que outros o fagan” afirma Óscar Martín, conselleiro delegado de Ecoembes.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*