“Aprovéitate do que che sobra”, en prol da redución dos desperdicios de alimentos

mazaCampaña da Consellería de Medio Ambiente e Sogama con motivo da Semana Europea de Prevención de Residuos.

No marco da oitava edición da serie educativa “Ti es a peza que falta” e da Semana Europea da Prevención de Residuos 2014, a Consellería de Medio Ambiente e Sogama lanzan unha campaña orientada cara a redución dos desperdicios de alimentos.

A comunidade internacional comezou a chamar a atención sobre a inxente cantidade de alimentos que nos países desenvolvidos acaban arroxados ao cubo do lixo ao final do día e que serían suficientes para nutrir a unha boa parte da poboación que carece dos recursos básicos para garantir a súa subsistencia. Neste contexto, a FAO xa dou a voz de alarma: un terzo da produción mundial de alimentos pérdese ao longo de toda a cadea alimentaria. Calcúlase que, aínda que con grandes variacións entre os Estados membros, os europeos desperdiciamos unha media de 179 quilos por persoa e ano (un 20 por cento da comida que compramos), o que vén significar un total de 89 millóns toneladas de alimentos en bo estado, procedendo o 42 por cento dos mesmos dos propios fogares. Máis aló do impacto social, esta circunstancia ten un serio impacto sobre o medio ambiente, xerando 170 millóns de toneladas equivalentes de CO2 ao ano, ao que habería que engadir o malgaste económico, cuantificado nunha perda anual para cada español de 250 euros.

No caso do noso país, o desperdicio medio por fogar é de 1,3 quilos/semana (76 quilos/ano), o que equivale a máis de medio quilo de alimentos por persoa e semana. Isto tradúcese en 1,5 millóns de toneladas de alimentos que serían perfectamente válidos para o consumo. Reducir o desperdicio de alimentos traería consigo numerosos beneficios, xa que contribuiría a combater a fame, a mellorar o nivel de nutrición das poboacións máis desfavorecidas, a facer un uso máis eficiente dos recursos e, por suposto, a fomentar o aforro económico e a protexer o medio ambiente.

Recomendacións para diminuír a produción de refugallos de alimentos

É por isto que a través do sitio web www.aproveitatedoquechesobra.es, Consellería e Sogama proporcionan unha serie de consellos e recomendacións das que, xa no seu momento, fíxose eco o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA) a través da Estratexia “Máis alimento, menos desperdicio”. Neste sentido, alúdese á necesidade de planificar as compras, facer unha lista dos produtos a adquirir, comparar prezos e calidades, vixiar o bo funcionamento do frigorífico, non saturar a despensa nin a neveira, ler o contido das etiquetas, servir pequenas racións, reutilizar as cantidades sobrantes para a elaboración de novos menús, diferenciar claramente consumo preferente e data de caducidade, ser cautelosos coas ofertas e promocións, así como coa estética dos alimentos, e, moi importante, ir ao mercado co estómago cheo. Pola contra, sucumbiremos con maior facilidade ante a oferta de determinados artigos perecedeiros.

Neste contexto, e co obxectivo de contribuír á redución de desperdicios, tamén a través desta páxina web explícanse as bondades da compostaxe doméstica como unha forma de minorar a produción de residuos, toda vez que os restos orgánicos convértense nun abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo (hortas, xardíns e terras de cultivo).

Dado que, na composición media do lixo, en torno ao 40 por cento está conformada por materia orgánica, se se logra reciclar esta porcentaxe en orixe, evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais, diminuíndo a frecuencia de recollida dos mesmos e, por suposto, entregando menos cantidade a Sogama, o que se traduce nun menor desembolso económico para as arcas locais. Dado que non todas as vivendas unifamiliares con horta e xardín dispoñen de composteiro, a fin de evitar a compra do mesmo, a campaña invita aos interesados a que, de acordo co alcance da reutilización, fabriquen os seus propios recipientes, proporcionando as pautas para cada modalidade: composteiro de malla metálica, de palés de madeira, de ladrillos e de bidón.

Así mesmo, abórdase o sistema de recollida selectiva, diferenciando os materiais a depositar en cada contedor (amarelo, azul, iglú verde, pilas e verde xenérico) co fin de contribuír ao reciclado e, xa que logo, ás súas vantaxes económicas e medioambientais, diminuíndo as cantidades de residuos que necesariamente deben ser sometidos a tratamento finalista.

Receitas con Premio

A fin de fomentar a participación da cidadanía nesta iniciativa, invítase aos internautas a que fagan chegar a Sogama a súa mellor receita gastronómica a partir de sobras de comida. As diferentes propostas deben conter unha descrición detallada dos ingredientes que conforman o prato, explicación pormenorizada do proceso de elaboración do mesmo e fotografía do resultado final, identificando os datos do autor.

O galardón recaerá naquela receita que sobresaia pola súa orixinalidade e innovación e, moi especialmente, pola utilización da maior porcentaxe de ingredientes procedentes de sobras de alimentos.

O premio consiste nunha fin de semana na Mariña lucense para dúas persoas, incluíndo dúas noites de hotel con almorzo, comida e cea, e dous días de clase de stand up surf e kitesurf.

O período de participación, que comeza o 22 de novembro, finaliza o 22 de decembro do ano en curso.

www.aproveitatedoquechesobra.es

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*