De volta á feira con Barriga Verde

barraca_silvent_museo_do_poboAta o vindeiro 15 de xaneiro, o Museo do Pobo Galego acolle Barriga Verde, de feira en feira. A Asociación Cultural Morreu o Demo, coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación do Lugo, o Concello de Pontevedra, o Museo  provincial de Lugo e mais o Museo do Pobo Galego, artellou unha completa exposición na que explora a figura e a historia de Barriga Verde e a pon en contexto co mundo das feiras e mais coa tradición europea de títeres.

De feira en feira

O proxecto pretende mergullar os visitantes no fantástico mundo no que naceu Barriga Verde, o último monicreque popular galego, que difundiu por todo o país expresións como “Morreu o Demo, acabouse a peseta”. Ao longo das salas da  mostra proponse un percurso polo mundo no que se desenvolveu este espectáculo, o das feiras tradicionais, acontecemento festivo por excelencia en Galicia até a década de 1960. Do mesmo xeito, condúcenos pola tramoia da barraca para coñecer os segredos dos titiriteiros que fixeron posíbel a maxia destes títeres até a súa desaparición, case ao mesmo tempo que aquelas feiras que aínda lembran os nosos maiores, de cando o cinema e a televisión aínda non eran as principais fábricas de soños.

Para facilitar a inmersión neste mundo, a mostra reproduce diferentes postos de venda e entretementos dos habituais nestes eventos. Xogos como o pimpampum ou o péndulo están dispoñibles para que os asistentes proben a súa habilidade. Tamén hai habilitado un set fotográfico e mais un pequeno teatro de títeres os visitantes que os queiran empregar.

Parentes europeos

A exposición presta especial atención á parentela europea de Barriga Verde, unha ampla tradición de títeres con séculos de historia da que o títere galego fai parte. Deste xeito, a iniciativa pretende reivindicar a importancia deste patrimonio inmaterial da nosa cultura, inxustamente esquecido, situándoo à par de figuras internacionalmente recoñecidas como Pulcinella ou Punch entre moitas outras. Así, no Museo poderán verse pezas vidas de toda Europa que  representan os diferentes homólogos de Barriga Verde que poboan o continente.

bolicheirosOs Silvent

Dentro da mostra poden verse os bonecos orixinais que José Silvent empregaba no seu espectáculo, que saen ao público por vez primeira desde as súas últimas actuacións hai xa medio século. Ademais, fragmentos da auténtica barraca que
visitaba as feiras e material orixinal doutras atraccións fan parte do proxecto. A familia Silvent cedeu amabelmente algúns dos elementos que atesoura na súa casa de Lérez, Pontevedra. En distintos paneis recóllese polo miúdo a historia desta familia Silvent e debúllanse os números que facían parte dun espectáculo que hoxe moita xente lembra como parte da súa infancia.

Canda a estas pezas poden verse tamén títeres orixinais cedidos polo Museo da Marioneta do Porto, polo TOPIC de Tolosa e mais polo Museo Galego da Marioneta, de Lalín. Este material complétase con fotografías históricas e material de arquivo achegado por entidades como o Museo do Pobo Galego, os Arquivos Provinciais e Municipal de Lugo o Arquivo Pacheco, a discográfica Ouvirmos o Arquivo

Actividades

Ata o feche da exposición están previstas actividades paralelas como un obradoiro de creación e manipulación de títeres, visitas dramatizadas, unha representación do espectáculo “Barriga Verde” a cargo de Viravolta Títeres e mais unha  proxección do documental “Morreu o demo, acabouse a peseta”. A mostra intégrase no Proxecto Barriga Verde, coa que a Asociación Cultural Morreu o Demo quere reividincar a figura do máis coñecido títere popular galego. Ademais,
reivindica a súa vixencia para a actualidade e pretende popularizar de novo o personaxe adaptándoo as inquendanzas da sociedade e ás actuais posibilidades de difusión.

Facebook Proxecto Barriga Verde

 

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*