Tres investigacións que amosan que no camiño á igualdade aínda quedan moitos pasos por dar

Tania Ríos, unha das galardoadas, que actualmente reside en Londres
Tania Ríos, unha das galardoadas, que actualmente reside en Londres

Pór de manifesto as situacións de desigualdade que a día de hoxe continúan a padecer as mulleres en diferentes ámbitos é un dos propósitos centrais que levan a aplicar a perspectiva de xénero a un proxecto de investigación. Un propósito que o Concello de Pontevedra quixo recoñecer coa creación dos Premios Ernestina Otero para traballos de fin de grao e máster, unhas distincións que, ademais de para premiar o labor de tres investigadoras do campus, serven tamén como unha “plataforma coa que sacar á luz certos temas que estaban recluídos, na sombra da sociedade”, como salienta Tania Ríos, unha das premiadas.

A Casa das Campás acolleu o acto de entrega da primeira edición destes premios, que a Concellería de Igualdade puxo en marcha no presente ano coa colaboración da Universidade e que contan cunha dotación económica de 1000 euros. Dirixidos ao alumnado do campus, os Premios Ernestina Otero buscan fomentar a sensibilidade da xente moza respecto da importancia de traballar a prol da igualdade. “A discriminación de xénero é un gran problema na nosa sociedade e as institucións poden fomentar a compensación desa desigualdade”, apunta ao respecto a tamén premiada Sandra Benavides. Esta egresada da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, premiada polo seu traballo de fin de grao O fomento da igualdade entre os sexos na escola infantil a través dos contos, recoñece que recibiu con “sorpresa e con moita alegría” a nova de que o xurado seleccionara o seu proxecto e incide na necesidade de seguir promovendo un labor de sensibilización e “non pensar que xa está todo conseguido”.

“A perspectiva de xénero, como análise crítica, abre posibilidades diferentes de repensar e reformar os modos de pensar, mirar e relacionarse”, engade Tania Ríos, que tamén pon o acento nos “desafíos e obstáculos que quedan por vencer” para construír “unha realidade máis igualitaria”. O traballo desta titulada en Educación Primaria, A cegueira do xénero. O longo e tortuoso camiño da igualdade entre homes e mulleres, tamén foi seleccionado polo xurado destes premios, o que supuxo unha “gran satisfacción persoal” e unha “inxección de ánimo” para unha estudante que agarda que o seu proxecto poida servir como unha “chamada de atención respecto da situación que viven moitas mulleres discapacitadas en todo o mundo”.

No relativo aos traballos de fin de máster, o premio foi para o proxecto co que Sylvia Peceño completou os seus estudos no máster en Arte Contemporánea. Creación e Investigación, A arte da resistencia: Prácticas feministas de xénero. Unha crítica ao pensamento dominante. Natural de Guadalajara, esta investigadora e artista ten convertido as problemáticas sociais no “eixo fundamental” do seu labor como creadora, “empregando a arte como linguaxe combativa”, explica.

Loitar desde a escola contra os estereotipos de xénero

Para o seu traballo de fin de grao, Sandra Benavides deseñou unha serie de tarefas relacionadas con contos que posteriormente puido poñer en práctica nunha aula de Educación Infantil, o que lle permitiu “reflexionar co alumnado sobre estereotipos e propor novos modelos alternativos”. Buscaba, explica, promover “unha iniciación á sensibilización do alumnado máis novo”, posto que nesta etapa educativa, os nenos e nenas “xa reproducen estereotipos de xénero”. Nese senso, Benavides destaca que, ao remate do proxecto, “xa se podía observar unha certa evolución nos modelos que o alumnado reproducía, que pasaban a ser “máis diversos e alternativos”.

Por iso, esta egresada incide na necesidade de afondar no deseño de iniciativas que permitan fomentar a igualdade xa entre os máis novos. “Observei que en moitas escolas non hai unha especial sensibilización coa discriminación da muller”, apunta esta investigadora, que avoga por “concienciar ao profesorado” e dotalo dunha “actitude crítica” fronte ás desigualdades. Do contrario, “a escola seguirá perpetuando ese modelo de sociedade patriarcal no que nos socializamos”, conclúe. Nesa mesma liña incide tamén a que foi a súa titora neste proxecto, a profesora Azucena Arias, que apunta que “os estereotipos sexistas son transmitidos coas imaxes, os xogos, a linguaxe ou a diferenza de trato” e por iso considera a escola como un “ámbito privilexiado” para comezar a fomentar os valores da igualdade.

Sensibilización fronte á ocultación e exclusión

Conta Tania Ríos, que actualmente reside en Londres, que o proxecto polo que nesta xornada é premiada naceu na súa etapa como estudante Erasmus na illa italiana de Cerdeña. “Ese ano serviume para darme realmente conta das desigualdades ás que están sometidos os colectivos marxinados da sociedade”, apunta esta titulada, que centrou a súa investigación nas “múltiples discriminacións ás que se teñen que enfrontar no seu día a día” as mulleres que padecen unha discapacidade, que teñen que facer fronte a unha “ruta marcada polas barreiras físicas e mentais”.

Esta investigadora analizou a evolución da lexislación relativa á atención do alumnado con diversidade, para concluír que, “pese aos avances acadados, aínda se seguen mantendo desigualdades e invisibilizacións que deixan ás mulleres, e moito máis ás mulleres discapacitadas, nunha situación de discriminación, ocultación e exclusión”. Partindo da idea de que “todo aquilo que non se nomea, non existe”, Ríos denuncia que este colectivo permaneceu moito tempo “excluído das ordes e decretos educativos” e incide na necesidade de potenciar un traballo de sensibilización no ámbito educativo. Nese punto, o profesor Xabier Álvarez Lires, titor de Ríos neste proxecto, pon o foco na importancia de lograr unha “detección temperá das desigualdades”, motivo polo que considera “decisiva” que a investigación incorpore a perspectiva de xénero, xa que contribúe “á formación en igualdade de xénero do futuro profesorado”.

 

Fonte: Eduardo Muñiz / Universidade de Vigo

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*