O Concurso de Cartas de Nadal en Compostela anima a utilizar o galego e a indagar nas tradicións

cartas_nadal_concursoUnha proposta dirixida ás escolas e ás familias para que os nenos e nenas enchan de contidos as súas solicitudes de agasallos.

A concelleira de Normalización Lingüística, María Corral, presentou o Concurso de Cartas de Nadal 2014, unha proposta dirixida ás escolas e ás familias para que os nenos e nenas enchan de contidos as súas solicitudes de agasallos. Será unha boa maneira de que os pequenos practiquen destrezas como a escrita ou o debuxo, pero tamén para investigar, reflexionar e comprometerse.

A carta dirixida aos nenos e nenas, escrita polo alcalde, informa de que se recibiu a visita dun embaixador dos personaxes do Nadal, Xián, o Xestor Intergaláctico de Agasallos do Nadal, e que no seu nome lles pide que pescuden, falando coas persoas maiores da súa contorna, sobre as tradicións que poidan lembrar con motivo destas datas –pero non exclusivamente- e que recollan algunha mostra deste acervo na carta que escriban.

A proposta deixa abertas todas as posibilidades para que, en cada caso, a carta dos nenos/as estea dirixida aos personaxes que se prefiran. Con esta proposta inténtase invitar a un contacto máis demorado entre cativos e persoas maiores no que, ademais de utilizar a lingua galega, se transmita e actualice o rico patrimonio inmaterial da nosa cultura: cantos de Reis, ditos, lendas, panxoliñas, xogos, costumes, gastronomía…

As cartas non teñen limitación en canto a extensión ou formato e poden conter calquera tipo de ilustración. Porén, poden servir tamén para tratar da estrutura habitual deste tipo de textos, así como os diferentes rexistros ou os tratamentos persoais.

Caixas de correo e web
Cada centro escolar terá unha caixa de correo para depositar as cartas ata o día 18 decembro. Ademais, ata o 31 de decembro haberá outras caixas de correo nos seguintes puntos: Casa do Concello, Biblioteca Ánxel Casal, Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche Centro Sociocultural das Fontiñas, Centro Sociocultural do Castiñeiriño, Centro Socioculturla de Santa Marta, Centro Sociocultural de Conxo, Centro Socioculturla de Vite, Local Sociocultural de Villestro, Local Sociocultural da Gracia, Local Sociocultural de Lavacolla e Local Sociocultural de Figueiras.

Toda esta información e a carta-invitación inicial estarán dispoñibles no enderezo: www.xianembaixador.com. Xián, o carteiro-embaixador que protagoniza a campaña de recollida das cartas, tamén está presente en Facebook para crear un espazo de comunicación sobre as cartas, mesmo de intercambio didáctico, ou simplemente unha vía máis para interactuar coa ilusión e a maxia.

As tres cartas gañadoras serán escollidas entre as escritas en galego, valorando a creatividade e a adecuación ao tema proposto. Asignarase cadanseu premio a tres tramos de idade (pequenos, medianos e maiores) e o seu contido, de carácter cultural, adaptarase a eles.

Web do Concurso de Cartas do Nadal
http://www.xianembaixador.com/

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*