Programa “Bibliotecas Escolares Solidarias”

bibliotecas_solidariasCo obxecto de estimular o voluntariado cultural entre o alumnado e as súas familias.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ven de por en marcha o programa “Bibliotecas Escolares Solidarias”, que ten como obxectivo principal fomentar e estimular o voluntariado cultural en relación coas bibliotecas e a lectura, así como recoñecer os esforzos das comunidades educativas por conformar bibliotecas escolares que axuden a paliar as desigualdades no acceso ao coñecemento e ao uso dos recursos culturais e de aprendizaxe.

A iniciativa enmárcase no Plan LÍA, de lectura, información e aprendizaxe; e está integrada tamén dentro dos programas de voluntariado promovidos pola Consellería de Familia e Benestar.

Selo ‘Biblioteca escolar solidaria’

O mencionado programa consta de tres ámbitos de actuación. En primeiro lugar figura a creación do selo ‘Biblioteca Escolar Solidaria’, ao que poderán optar todas as bibliotecas dos centros de primaria, secundaria, ciclos formativos ou ensinanzas de réxime especial. Para elo deberán cumprir unha serie de requisitos como traballar especificamente os valores de xustiza e solidariedade e dispor recursos para a compensación de desigualdades, que conten cun equipo de colaboradores formado por alumnado voluntariado do centro comprometidos con tarefas específicos, e con familias voluntarias que colaboren da xestión e dinamización da biblioteca escolar. Os interesados dispoñen de prazo ata o 15 de maio de 2015 para presentar as súas candidaturas e, posteriormente, unha comisión de valoración encargarase de decidir a concesión do selo, que é unha especie de distintivo de calidade en termos de traballo solidario a favor da comunidade escolar.

‘Voluntariado na biblioteca escolar’

O segundo ámbito de actuación será o do ‘Voluntariado na biblioteca escolar’, unha iniciativa á que poden adherirse os centros de secundaria, bacharelato, FP, ou ensinanzas de réxime especial que conten con grupos formalizados de alumnado colaborador. Trátase deste xeito de que os alumnos vexan recoñecido o seu labor mediante un diploma (no caso de menores), ou dun certificado de horas de voluntariado na biblioteca escolar (para os maiores de idade). Para poder optar a este recoñecemento, os centros interesados deberán formalizar a súa adhesión ao programa de ‘Voluntariado na biblioteca escolar’. Pola súa parte o alumnado deberá asinar un compromiso de colaboración e realizar un mínimo de 15 horas durante o curso escolar.

‘Voluntariado de lectura-A’

Finalmente o terceiro dos ámbitos do programa será o ‘Voluntariado de lectura-A’, que ten como finalidade estimular o voluntariado cultural relacionado coa biblioteca e a lectura entre o alumnado de 5º e 6º de primaria. Esta iniciativa, posta en marcha xa no curso pasado, tivo unha excelente acollida por parte dos centros. Para participar na nova convocatoria correspondente ao curso 2014/2015 o prazo remata o vindeiro 15 de decembro.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*