“Criaturas”, a nova revista dixital de literatura infantil e xuvenil

criaturas_revistaA revista Criaturas é unha publicación dixital dedicada á Literatura Infantil e Xuvenil de Galicia.

A iniciativa foi presentada aproveitando o Culturgal, o pasado sábado 6 de decembro. Na mesa de presentación estiveron presentes Ledicia Costas, Montse Pena Presas, Xabier P. Docampo, Laura Sáez e Daniel Landesa, en representación do Consello Editorial da Revista.

No editorial de presentación, expoñen:

Asistimos ao nacemento dunha nova criatura. Hai un ovo azul e grande nun niño que está abeirado nunha póla, entre a follaxe dunha árbore centenaria. De súpeto, a casca do ovo rompe de xeito irregular. Do seu interior agroma unha caloriña intensa que leva meses condensada nese habitáculo. E a vida estoupa nuns ollos que se abren timidamente e pestanexan ao compás dun sopro de brisa.

Como sucede sempre que ven ao mundo unha criatura, é fraxil e dependente. Precisa de todo o noso coidado e afecto para axudarlle a emprender o voo. Porque hoxe é un corpo miúdo, mais nace co propósito de ser autónoma. E no futuro estará dotada dunhas fermosas ás de plumas longas e irisadas que lle han permitir sosterse no aire. Mais para iso debe madurecer e ir medrando devagar. As cousas pechadas son inflexíbeis, vanse endurecendo e non logran desenvolverse. Por iso esta criatura nace aberta, coma ese ovo que agora está dividido en dúas partes.

O que acaba de nacer do interior do ovo azul é o número cero da revista Criaturas, unha declaración de intencións, pero tamén unha declaración de dúbidas e desexos. Este editorial quere ser unha chamada e expresar asemade a súa actitude de porta franca para todos os que nos queirades acompañar. Cantas máis plumas teña esta criatura, canto máis tupidas as súas extremidades, máis cores a vestirán e máis longo o percorrido que estará preparada para acometer.

Queremos que esta criatura inicie un vieiro que terme dos pasos das persoas que a escriben, a ilustran, as que a difunden, as que a estudan e, de xeito especial, as que a len e só esperan atopar en cada páxina unha emoción inesquecíbel. O único contrato pechado é o compromiso coa LIX en xeral e a galega en particular. (…)

Podes ler aquí o editorial completo

 

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*