“What do you do for fun?”, preguntaba unha nena conectada a Skype desde Washington diante das gargalladas dos seus compañeiros e compañeiras. “¿Qué haces para divertirte?”, escoitábase a milleiros de quilómetros de aló, na pantalla do computador que desde México manexaba unha nena da súa mesma idade.
Deste modo, facilitando a charla entre dúas escolas, unha estadounidense e outra mexicana, e a través do xogo “A Escola Misteriosa”, poñíase a proba para o público o novo sistema Skype Translator. Un software que, segundo o vicepresidente de Microsoft, Gurdeep Pall, “abre un feixe de posibilidades para que xente de todo o mundo se conecte, se comunique e colabore, sen que a xeografía ou a lingua volvan ser un estorbo”.
Dispoñible inicialmente para a tradución simultánea entre inglés e español, o sistema estará accesible proximamente en máis de 40 idiomas e tamén a través de dispositivos móbiles.
Para probar a ferramenta debemos seleccionar un contacto da nosa lista en Skype e activar “Translator” na barra de axustes antes de realizar a chamada. A aplicación irá traducindo en tempo real todo o que digamos.