A Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) acaba de lanzar o seu propio xogo medioambiental: “Un partido polo planeta”, constituíndo este unha oportunidade para que os máis novos tomen conciencia da importancia que ten a protección da contorna e, deste xeito, poidan gozar dun maior benestar e calidade de vida, ademáis de deixar un mellor legado ás xeracións vindeiras.
Coñecementos, habilidades e valores
Dirixido ao alumnado de primaria, ademais dos coñecementos en torno á xestión sostible dos residuos urbanos e o desenvolvemento de habilidades no ámbito educativo e persoal, o proxecto primou a interiorización de valores tales como a diversión, o compañeirismo, a complicidade, a empatía, a competitividade, entendida como o afán de superación, a convivencia, o respecto e a solidariedade.
O xogo aposta por difundir a problemática que entraña a alta produción de lixo nas sociedades modernas e a importancia que ten a correcta separación dos refugallos para propiciar o seu posterior reciclado e, con isto, contribuír ao aforro de enerxía, materias primas e recursos.
Tanto os contidos como o formato adáptanse plenamente ao nivel educativo referenciado, fomentando unha competición na que sempre teña cabida a cooperación dos alumnos. O obxectivo último é que estes cheguen a visualizar que son parte dun equipo e que cada un é parte da solución.
Dinámica
En formato xigante, o xogo estrutúrase en pezas ecolóxicas, resistentes e lixeiras, doadamente montables e transportables, e está pensado para que poida desenvolverse en múltiples espazos.
En torno á mesa organízanse dous equipos cos seus xogadores, exercendo un monitor ou docente de árbitro do encontro. O partido iníciase cun saque de dado, comezando o equipo que alcance a tirada máis alta e vencendo aquel que primeiro chegue á meta.
As preguntas e respostas, así como as probas de habilidade, adáptanse aos distintos niveis educativos de Primaria, e para completar o itinerario, os alumnos deben someterse a diferentes probas, contando para isto con tres seccións ben diferenciadas:
•E ti que sabes? Busca indagar nos coñecementos dos nenos dunha forma divertida. Xunto coas respostas correctas, hai algunha que outra disparatada.
•Saltas á pista. É máis dinámica. Os pequenos deben mostrar os seus coñecementos e talento en áreas tales como o debuxo, a interpretación, as adiviñanzas e a axilidade mental.
•Encesta no contedor. Guiándose polos residuos debuxados nunha serie de cartas, o equipo en cuestión ten que saber en que contedor de recollida selectiva deben ser depositados.