O Caderno Verde introduce contidos para o 3º ciclo de Primaria

cadernoverde_3cicloAcompañado de novos personaxes, o Caderno Verde inaugura o terceiro ciclo coa ficha ‘A Electricidade’.

“Entre electróns” preséntanse Mauro, Sol, Olalla, Simón e Lino, os novos personaxes do Caderno Verde de Sogama. Coa ficha didáctica ‘A Electricidade’, a plataforma educativa de Sogama “Caderno Verde”, ata agora centrada na formación medioambiental dos alumnos de 1º e 2º Ciclo de ensino primario, esténdese a partir deste mes aos escolares de 3º Ciclo, é dicir, aos que cursan 5º e 6º (10 a 12 anos de idade), poñendo á súa disposición ferramentas divulgativas coas que nutrir os seus coñecementos en materia de ecoloxía e, máis concretamente, na xestión dos residuos urbanos.

Seguindo a liña de edicións anteriores, incorporaranse periódicamente a www.cadernoverde.com fichas didácticas coas que os pequenos poderán aprender contidos de distintas disciplinas obxecto de estudo tales como matemáticas, lingua galega, lingua castelá, coñecemento do medio, inglés e educación artística, utilizando o medio ambiente de forma transversal.

Así, trataranse temáticas tales como a identificación dos usos que as persoas fan do ámbito natural e a enerxía, consecuencias negativas de determinados comportamentos, valorando o seu impacto a curto e longo prazo, e os efectos da contaminación sobre as persoas, as plantas, os animais e as súas contornas.

Caderno Verde tamén seguirá nutríndose cos videocontos de aventuras da Familia Trebón (Anselmo, Carola, Lucas e o can Antenas), que xunto cos seus amigos Lilia, Vito e o gato Evaristo, ensínannos en cada capítulo os xestos e comportamentos que deben ser adoptados para lograr un planeta máis verde.

Novos personaxes
Coa incorporación dun novo público obxectivo, Caderno Verde fichou a novos personaxes. É o caso de Mauro, apaixonado da lectura. De feito, a biblioteca é un dos seus lugares favoritos. É un namorado das novelas de aventuras e de misterio. No colexio, a súa clase favorita é a de inglés, e agora ata está aprendendo francés e italiano. De maior gustaríalle ser tradutor e viaxar moito polo mundo.

A Sol encántalle a fotografía e a pintura. De feito, cando sae cos seus amigos de excursión, sempre leva ao lombo a cámara de fotos e o seu caderno. E logo adoita pintar as paisaxes e escenas que inmortalizou. De maior quere seguir pintando e fotografiando, pero tamén quere ser matemática ou enxeñeira. Dánselle moi ben os números.

Simón é un forofo da música. Toca varios instrumentos, aínda que sente predilección pola guitarra. Desexa ser músico e compositor. De feito, cando sae de paseo cos seus amigos, a natureza inspíralle para crear novas pezas musicais.

Olalla tivo a idea de fundar cos seus amigos a Asociación “Amigos da Natureza de Vilaverde”. Cada 15 días recollen lixo que a xente deixou tiradp e o seu obxectivo é concienciar á ciudadanía para conseguir un medio máis limpo e sostible. Ten un caderno no que documenta as plantas e árbores que hai nos bosques de Vilaverde. Non decidiu aínda se será bióloga ou veterinaria.

E quédanos Lino, o pai de Olalla, que adoita axudar aos pequenos a desenvolver os seus proxectos. Ten unha froitería e encántalle cociñar.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*